Seleccionados os cinco estudios internacionais que farán os anteproxectos de rehabilitación do convento de Santa Clara

Son os equipos de Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela, que xuntos suman 77 premios internacionais

17/02/2023

finalistas santa clara

A Deputación de Pontevedra seleccionou os cinco equipos de arquitectura que aspiran a desenvolver o proxecto final para a rehabilitación e ampliación de Santa Clara para o seu uso como museo. Son os de Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela, que en conxunto acumulan 77 premios de talla internacional e centos de obras executadas arredor de todo o mundo.

Os nomes dos estudios de arquitectura seleccionados foron comunicados o 16 de febreiro pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera. Na Xunta de Goberno do venres 17 apróbase a selección dos cinco finalistas e a dotación de 30.000 euros para cada un. A semana próxima serán convidados para abrir a segunda fase, de elaboración dos anteproxectos, para a que haberá tres meses. Antes disto darase aos aspirantes toda a documentación existente e fixarase un día para coñecer in situ Santa Clara.

O futuro conxunto arquitectónico de Santa Clara poderá recaer nas mans de dous arquitectos de Madrid, dous de Galicia, un de Xapón, outro de Reino Unido, un equipo holandés e outra de Noruega. Nieto Sobejano (que acadou 100 dos 100 puntos posibles con 42 proxectos presentados para valorar) é un estudio madrileño que ten entre as súas obras máis destacadas o Museo de Madinat al-Zahra, o Museo de Moritzburg en Halle, a rehabilitación do Colexio de San Gregorio en Valladolid, o Museo Joanneum en Graz, o Centro de Arte Contemporánea de Córdoba e o Centro Arvo Pärt en Estonia.

O estudio Kengo Kuma & Associates (99,5 puntos e 27 proxectos entregados) foi creado por Kengo Kuma en 1990 en Tokyo e en 2008 en Paris. Está inscrito á Orde de Arquitectos Franceses d’Ile-de-France, é membro internacional da RIBA (Royal Institue of British Architects) en Inglaterra e membro honorario do AIA (American Institute of Architects) nos Estados Unidos. Entre as súas obras máis salientables están o Instituto de Belas Artes de Nezu (Tokyo) –con 3 premios internacionais-, o V&A Museum of desing Dundee (Escocia)-con 3 premios internacionais-, a Casa dos Contos HC Andersen (Dinamarca), ou o Odunpazari Museo de Arte Moderno (Turquía), entre moitos outros.

A UTE formada por David Chipperfield-Seoane (98 puntos -30 proxectos) xunta a experiencia do arquitecto inglés e o galego.  Chipperfield é catedrático de Arquitectura e profesor invitado na Universidade de Yale. Comendador da Orde do Imperio Británico, deseñador Real para a industria en 2006, membro da Royal Academy en 2008, condecorado coa Orde do Mérito da República Federal de Alemania, e recoñecido (Sir) polos seus servizos á arquitectura en Reino Unido e Alemaña. Recibiu tamén a Real Medalla de Ouro da Arquitectura do RIBA concedida en recoñecemento a toda unha vida de traballo. Seoane, pola súa parte, fundou CSA Arquitectura na Coruña en 1995, e dende hai anos traballa con Chipperfield como arquitecto asociado para as súas obras en Galicia. Entre as obras salientables destacan o Neues Museum (Berlín) –con 19 premios internacionais-, a James Simon Galerie (Berlín) -5 premios internacionais-, Jacoby Studiios (Alemania) -5 premios internacionais-, ou Amoreapacific (Seul, Corea do Sur) -6 premios internacionais-.

KAAN Architecten  (95 puntos- 35 proxectos) é un estudio de arquitectura con sede en Róterdan, São Paulo e París que opera a nivel mundial e combina a experiencia práctica e académica nos campos da arquitectura, o urbanismo e a investigación sobre a contorna construída.

Dirixido por Kees Kaan, Vincent Panhuysen e Dikkie Scipio. Entre a súa obra máis destacada está o Real Museo de Belas Artes (Amberes, Bélxica) -2 premios internacionais-, o Catharijneconvent (Utrech) ,1 premio internacional-, o Tribunal Supremo dos Países Baixos. (La Haya) -2 premios internacionais-, ou o Plan de actuación e a intervención paisaxística do Monte do Gozo.

Finalmente, a UTE Snøhetta-Alfonso Penela (94,80 puntos- 29 proxectos) xuntan forzas para aspirar a remodelar Santa Clara cunha bagaxe de proxectos moi mediática. Snøhetta comezou como un taller colaborativo de arquitectura e paisaxismo. Na actualidade conta  con 280 empregados de máis de trinta nacionalidades diferentes e unha distribución equitativa por xénero.Ten presenza global, con oficinas que van desde Oslo, París e Innsbruck, ata Nova York, Hong Kong, Adelaida e San Francisco.

Nos últimos anos Snøhetta deseñou algúns dos proxectos públicos e culturais máis notables do mundo. Iniciou a súa carreira en 1989 coa proposta gañadora do concurso para a nova biblioteca de Alexandría, Exipto. Isto foi seguido máis tarde pola comisión da Ópera e Ballet Nacional de Noruega en Oslo, e o Pavillón do Museo Nacional Conmemorativo do 11 de Setembro no World Trade Center na cidade de Nova York, entre moitos outros.

Pola súa banda Alfonso Penela é profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e ten moita obra en Vigo . Entre outras, a rehabilitación da Casa Arines, a máis antiga da cidade, do Hospital Xeral como Cidade da Xustiza e do Mercantil como sede do Celta. O novo Reitorado e o Barrio do Cura son outras obras destacadas.

O xurado

O xurado que estudará os anteproxectos para escoller o mellor deseño estará formado por especialistas, xa que a lexislación marca que pola natureza do contrato debe estar formado en dúas terceiras partes por persoas con titulación para poder desenvolver os proxectos: fundamentalmente equipos de arquitectura e museoloxía.

Como presidente estará o director do Museo Xosé Manuel Rey, e como vogais a xefa de xestión do Museo Sonia Mateos, o secretario da Deputación Carlos Cuadrado, a xefa e tamén unha arquitecta do servizo provincial de Arquitectura Mª Carmen Gómez e Sara Piñón –respectivamente-. A arquitecta que designa a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta é Belén Suárez –xefa do servizo de Arquitectura na delegación en Pontevedra-, a persoa designada polo Concello de Pontevedra é Rosa Magdalena Fernández, e a designada polo COAG, Jesús Irisarri Castro.

Na convocatoria do xurado inclúense tamén dúas persoas arquitectas de recoñecido prestixio designadas pola Deputación, Teresa Táboas, que ademais da súa experiencia está no Consello Asesor do Museo, e Gonçalo Byrne, presidente da Orden dos Arquitectos de Portugal, xunto a unha persoa con coñecementos específicos en Museoloxía, Pilar Fatás, que é directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira en Cantabria. Como secretario actuará o xefe do servizo de Contratación provincial, Pablo Montero.