Rafa Domínguez presenta as claves da Bienal de Pontevedra en ARCOmadrid, a maior feira de arte contemporánea de España

“O contexto actual, cun interese renovado pola arte e a cultura como motores de desenvolvemento social e económico, constitúe o momento perfecto para devolver este acontecemento a Pontevedra e proxectarnos como un gran referente no circuíto cultural”, remarcou o vicepresidente

07/03/2025

Rafa Domínguez presenta a Bienal de Pontevedra en ARCOmadrid

A 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra presentouse hoxe en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea de España. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, abriu un acto ao que asistiron profesionais do sector, como artistas, galeristas, coleccionistas e representantes de institucións culturais, e no que tamén participaron o concelleiro de Dinamización Social e Cultural do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.

“A Bienal máis antiga de España facía de Pontevedra a capital internacional da arte cada dous anos”, remarcou Domínguez quen engadiu que “lamentablemente hai quince anos que se perdeu e nós consideramos que pagaba a pena recuperala para consolidarnos como puntal cultural de Galicia, de España e do mundo”. Neste eido, o vicepresidente subliñou que “non podemos esquecer que o contexto actual, cun interese renovado pola arte e a cultura como motores de desenvolvemento social e económico, constitúe o momento perfecto para devolver este acontecemento a Pontevedra e proxectarnos como un gran referente no circuíto cultural. Imos atraer expertos, coleccionistas, críticos e artistas internacionais que, sen dúbida algunha, contribuirán a difundir a nosa identidade cunha programación deseñada para dialogar sobre tendencias globais da arte contemporánea, facendo que a nosa provincia sexa un punto de encontro creativo de relevancia nacional e internacional”.  

Concello de Pontevedra e Xunta de Galicia van colaborar no regreso da Bienal despois de quince anos despois, e os seus representantes tamén quixeron estar na presentación en Arco. Demetrio Gómez explicou como se está a preparar a cidade para acoller un evento que se vai desenvolver durante máis de tres meses e que vai transformar Pontevedra durante todo o período estival. Anxo M. Lorenzo centrou a súa intervención en expoñer o valor que a Bienal ten para a proxección cultural de Galicia.

A parte central do acto foi unha conversa da artista escénica pontevedresa Marta Pazos co comisario xeral da Bienal, Antón Castro e co responsable do programa de artes vivas, Iñaki Martínez Antelo. Na súa presentación, Pazos puxo en valor que a bienal más antiga de España volva “cunha proposta ambiciosa e necesaria: nun mundo fracturado por conflitos, invítanos a un exercicio colectivo de reflexión, empatía e imaxinación a través da arte”. Pola súa banda, Antón Castro explicou como ese obxectivo marcado desde o lema desta edición, “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, se fai explícito nunha selección de artistas e obras que abordan a cuestión dos conflitos bélicos e a necesidade dunha resposta de esperanza. Moitos dos e das artistas que estarán na Bienal teñen obra exposta nesta edición de Arco, e varios asistiron á presentación, como Manuel Casimiro, Almudena Fernández Fariña, Carmen Hermo, Norberto Olmedo, Dagoberto Rodríguez ou Iodia Cuesta.  Tamén asistiu Carlos Rosón, cuxa fundación RAC será unha das sedes da Bienal de Arte de Pontevedra.

Finalmente, Iñaki Martínez Antelo debullou as liñas básicas do programa de artes vivas, con propostas de varias disciplinas que se desenvolverán en espazos singulares da cidade de Pontevedra e outras catro localidades da provincia: Vigo, Ponteareas, Sanxenxo e O Grove. Martínez Antelo tamén expuxo as claves do programa ‘Infiltracións’ de diálogos da arte contemporánea coa colección do Museo. A proposta de Marta Pazos, a seguinte artista do ciclo, tamén se integrará na programación da Bienal.

A 32ª edición da Bienal de Pontevedra celebrarase do 21 de xuño ao 30 de setembro. Está organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra. A Bienal terá o Museo como epicentro e estenderase por toda a cidade, albergando nas súas prazas, fachadas e edificios emblemáticos as obras de máis de sesenta artistas internacionais. Pontevedra converterase este verán nun escenario vibrante de reflexión, debate e celebración da cultura contemporánea.

A Bienal reflexiona acerca de varios temas que reflicten o momento actual da arte e os desafíos da sociedade contemporánea. O título ‘Volver a ser humanos, ante a dor dos demais’, parte do pensamento de Rob Riemen e dos textos de Susan Sontag e suxire que só a través da reflexión sobre o conflito podemos redescubrir a nosa humanidade. A través de temas como a guerra e a paz, as migracións e exilios, a imaxinación e a escuridade e a espiritualidade e a utopía, a mostra busca reflexionar sobre o que nos fai humanos. Analizando o impacto de conflitos actuais en Ucraína, Gaza, Líbano e outros menos coñecidos en lugares como Sudán, Malí ou Nixeria, a Bienal anímanos a pensar sobre a importancia de conectar coa dor allea e a profundar na empatía e en nosa propia humanidade a través da arte.

Galerías de imaxes