O Museo de Pontevedra é o primeiro de España en dispoñer do Q de Calidade e o S de Sostibilidade

O Edificio Castelao acolleu un acto de celebración por conseguir estes distintivos do ICTE que recoñecen a excelencia turística do Museo

24/01/2023

distintivos ‘Q’ de Calidade e ‘S’ de Sustentabilidade turística

Os distintivos ‘Q’ de Calidade e ‘S’ de Sustentabilidade turística acadados polo Museo de Pontevedra foron o centro dunha celebración que compartiron representantes da propia institución, da Deputación, do Concello e da cidadanía nun acto que puxo de relevo que o Museo “é unha auténtica xoia” que debe ser aínda máis coñecida polo gran público.

No evento, dirixido pola xornalista Susana Pedreira e coa ambientación musical do dúo Mallou, participou a presidenta da Deputación Carmela Silva, o  vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con integrantes do Consello asesor do Museo, deputadas provinciais e membros da Corporación municipal. Tamén participaron representantes dos outros tres establecementos da cidade que contan co ‘Q’ de Calidade: Ultramar, O Eirado e o Parador.

O Museo de Pontevedra logrou estas distincións promovidas polo Instituto para a Calidad Turística Española (ICTE) e a Asociación Española de Normalización (UNE) o ano pasado: o ‘Q’ de Calidade turística en xullo e o  ‘S’ de Sostibilidade turística en outubro. Converteuse así, a día de hoxe, no único centro museístico de España e a única entidade de calquera tipo de Galicia en dispoñer de ambas marcas. O Museo súmase así á breve lista de grandes museos nacionais que posúen o distintivo ‘Q’:  Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid e o MARQ de Alacante.

Para a súa obtención, a entidade pontevedresa tivo que superar unha auditoría na que obtivo unha puntuación media de 9,4 sobre 10 e que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinalización, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais. Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.

Tras lograr este distintivo, o seguinte reto foi acadar a certificación de sostibilidade turística, que referenda o compromiso do Museo co cumprimento da Axenda 2030 da ONU e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que esta recolle. O Museo de Pontevedra é o primeiro museo  español en lograr esta certificación e a segunda entidade en Galicia.

A marca ‘S’ é un instrumento pioneiro a nivel mundial. O plan de sostibilidade certificado polo  ICTE céntrase fundamentalmente en tres dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía sostible e non contaminante.

Certificado "S" de Sostibilidad

Certificado "Q" de Calidade

Vídeos