‘O Museo en Camiño’ dará a coñecer a alumnado de Primaria algunhas das pezas máis destacadas da colección

Este venres 16 de setembro arranca o proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, unha iniciativa que busca dar a coñecer ao alumnado de Primaria o patrimonio que atesoura o Museo de Pontevedra, reforzando tamén o papel do Camiño de Santiago como eixo vertebrador de Cultura.

13/09/2022

Queizas

O proxecto, que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro, é unha iniciativa de taller abierto e Paspallás en colaboración co Museo de Pontevedra. Forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A proposta deste ano dá continuidade a unha primeira fase deste proxecto que se desenvolveu xa en 2021.

Trátase dun programa didáctico itinerante que pretende achegar o patrimonio do Museo Provincial de Pontevedra a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués. Comezará este venres 16 de setembro en Barro e chegará despois a Catoira (21 de setembro), Ponte Sampaio (29 de setembro) e xa en outubro a Pontecesures e Cesantes.

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria de centros educativos destas localidades recibirá a visita da actriz e contadora de historias Raquel Queizás, que fará unha representación teatral baseada nunha escolma de pezas representativas da colección do Museo. Dunha maneira innovadora, a rapazada achégase a un anaco de patrimonio que viaxa pola ruta xacobea para poñelos en contacto con partes da súa propia historia que descoñecen. O alumnado participante recibirá un prego didáctico ilustrado con información do Camiño de Santiago e do patrimonio máis representativo do Museo de Pontevedra.

Cada unha das pezas da escolma feita para este museo itinerante contará cunha unidade didáctica a disposición dos centros educativos na web do Museo. Estas fichas didácticas dan instrucións de traballo para levar a cabo unha práctica plástica que entronca cos contidos do currículo de Primaria.

Por outra banda, no mes de outubro, desenvolveranse no Edificio Castelao unha serie de obradoiros artísticos de tipo experimental orientados a público familiar (público novo máis maiores) que pretenden dar a coñecer o Camiño de Santiago.

Ao remate do programa producirase un material expositivo que se amosará no Museo de Pontevedra para explicar o traballo feito e pechar o círculo: o caixón regresa ao seu punto de partida espallando na orixe todo o aprendido na súa viaxe.