O Museo de Pontevedra recibe 68 obras de Leopoldo Nóvoa doadas pola súa viúva, Susana Carlson

A doazón inclúe lenzos, pinturas sobre papel, gravados e libros, realizados entre 1987 e 2010

30/11/2023

Sinatura da doazón

O Museo de Pontevedra acaba de incorporar á súa colección 68 obras asinadas por Leopoldo Nóvoa, un dos artistas galegos máis importantes da segunda metade do século xx. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a viúva do artista, Susana Carlson, asinaron a acta de doazón pola que esta lle entrega ao museo un amplo conxunto de obras sobre lenzo, pinturas sobre papel, gravados e libros, ata agora da súa propiedade. “É un día de alegría para o Museo de Pontevedra, sentímonos moi orgullosos de poder acoller estas obras, que, sen dúbida algunha, contribuirán a seguir posicionando este recinto como o museo provincial máis importante de España”, asegurou Rafa Domínguez, quen tamén agradeceu o xesto de Carlson coa institución provincial.

As obras doadas están datadas entre 1987 e 2010. Inclúen quince cadros de técnica mixta sobre lenzo, varios deles de gran formato. Os títulos dalgunhas destas obras describen as técnicas e os materiais característicos do artista nacido en Pontevedra: Gran espacio vertical con cenizas y pinchotes, Negro dominante perforado, Doble espacio con relieves perforados ou Dominante horizontal con 12 rasgaduras. As vinte unha pinturas sobre papel doadas foron realizadas con técnica mixta. O conxunto inclúe tamén vinte sete gravados, elaborados coas técnicas de augaforte ou de serigrafía. Completan a doazón cinco libros de Catherine Topall, Julio Cortázar e José Ángel Valente, edicións especiais con ilustracións do artista. 

Sete das obras recibidas en doazón están actualmente cedidas á exposición temporal “Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura do Museo Provincial de Lugo ata o 4 de febreiro de 2024. Son Cenizas con cuadrángulos, Relieve cruzado con madera quemada, Dominante vertical con rasgadura, Forme erecte à deux fentes, Forme erecte à grande fente, e os libros Tempos de soufre, de Catherine Topall, e De otros usos del cáñamo, de Julio Cortázar. Ao remate da exposición, serán incorporados á colección do Museo de Pontevedra.

As sesenta e oito  obras recibidas súmanselles ás seis que xa formaban parte do acervo do museo, tres delas presentes na exposición permanente. En 2020 o museo dedicoulle unha exposición retrospectiva que conmemoraba o centenario do seu nacemento e na que se exhibiron varias das obras agora doadas por Susana Carlson.

Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta na segunda metade do século xx, tanto dentro coma fóra de Galicia. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e prolífica existencia en lugares e circunstancias moi dispares que o converteron nun personaxe cosmopolita e de vasta cultura. Un caudal persoal que transmitiu e plasmou en toda a súa prolífica produción creativa.

Pasou os seus primeiros anos en Uruguai e na Arxentina, onde se xestou o valor que a forma e a materia terán na súa obra posterior. Logo viviu en París, onde se desenvolverá a súa madurez creativa, o que  alternou con longas tempadas na súa casa-obradoiro da Armenteira. Tras o dramático incendio que sufriu o seu obradoiro de París, dilúense cada vez máis os límites entre a pintura e a escultura, con obras en tons brancos e cinza e que adquiren volume e incorporan fragmentos de materia. A esta etapa pertencen as obras que se incorporan agora ao museo.

Galerías de imaxes