O convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo

Nos vindeiros días asinarase un convenio de cesión entre o Concello e a Deputación de Pontevedra e de maneira paralela porase en marcha un concurso de ideas para a rehabilitación do inmoble

06/10/2022

Santa Clara

A Deputación e o Concello de Pontevedra veñen de anunciar oficialmente que o convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra. A presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores compareceron de maneira simbólica no altar da igrexa do convento para confirmar a operación, que cualificaron como unha das máis importantes dos últimos anos, e manifestar a súa emoción polo que vai supoñer de recuperación de espazo público para a cidadanía no centro da cidade de Pontevedra.

Nos próximos días Concello e Deputación asinarán un convenio para certificar a cesión e, en paralelo, convocarán concurso internacional de proxectos para rehabilitar as edificacións. O director do Museo, Xosé Manuel Rey, subliñou que a incorporación de Santa Clara permitirá “preparar as bases para que o Museo de Pontevedra poida dar o salto a ser un museo do século XXI e solucionar os problemas que ten en canto a espazos, organización e funcionamento”.

Para o director, a rehabilitación do conxunto debe ser un “referente” de como actuar co patrimonio cultural. Aínda que o plan funcional e de usos e o proxecto museístico aínda está por abordar, hai tres ideas sobre as que debería pivotar: dar espazo á exposición de obras relevantes que actualmente están nas salas de reserva ou para novas coleccións, permitir unha xestión integral da colección arqueolóxica, e explicar a propia historia do convento e do seu papel na cidade ao longo de 750 anos.

O convento de Santa Clara foi fundado en 1271 e adquirido polo Concello en decembro de 2021. Trátase dun conxunto de edificacións e espazos exteriores que cobren unha área de máis de 12.000 metros cadrados no centro da cidade. Na actualidade, a Deputación está a realizar un estudo arqueolóxico e histórico-artístico que está a lanzar información de moito interese sobre a historia e a evolución do convento.

Xunto aos usos que se definan na súa integración no Museo, está previsto que a horta do convento se abra ao uso e goce da cidadanía, creando accesos desde a praza de Barcelos e desde a rúa de Santa Clara, e que a igrexa se utilice como salón de actos.