Luis López pecha en Bos Aires a cesión do cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre” para expoñelo no Museo de Pontevedra por primeira vez na historia

O presidente provincial asina co director de Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, e diante centos de galegos residentes na Arxentina o préstamo temporal da pintura para exhibilo no museo provincial, que garda a máis completa colección de Castelao

24/11/2025

O presidente provincial asina co director de Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina a cesión temporal do cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre” para expoñelo por primeira vez na historia no Museo de Pontevedra. Fíxoo no Campo Galicia de Bos Aires no marco dun encontro de confraternidade organizado pola Deputación e o Centro Galicia de Bos Aires no que participaron centos de persoas que forman parte dos distintos colectivos de galegos residentes na capital arxentina. Acompañado polo vicepresidente e responsable do Museo provincial, do deputado de Cultura, Jorge Cubela e da directora do Museo, Ángeles Tilve; o presidente Luis López asinou con Jose María Alén Vila, o director de Centro Galicia de Bos Aires que é o titular desta obra de arte, o acordo para a cesión temporal desta pintura, que a levará no 2026 á provincia de Pontevedra por primeira vez.

“No 75 aniversario da súa morte aquí (en Bos Aires), queremos ofrecer alá (na provincia de Pontevedra) un fito sen precedentes grazas ao traballo de José María Alén e á xenerosidade do Centro Galicia. Por iso comprometémonos firmemente a que seremos leais coa nosa palabra, escrupulosos co noso acordo e responsables coa nosa amizade; a que coidaremos da peza como coidamos o seu orixinal, que está no Museo de Pontevedra, e todas as pezas Alfonso Daniel que están baixo a nosa custodia; e, por suposto, que “A derradeira lección do mestre” regresará á Arxentina en perfecto estado e cumprindo a mesma misión coa que Castelao a concibiu: fortalecer a nosa cultura e homenaxear aos mártires da liberdade”, proclamou o presidente Luis López despois de asinar un acordo que reforza os lazos entre a galeguidade da Arxentina e de Galicia.

“A derradeira lección do mestre” é a obra máis emblemática da colección Galicia Mártir, un conxunto de 31 debuxos repartidos en tres álbums sobre a Guerra Civil realizados por Castelao. O Museo de Pontevedra custodia esta colección, que inclúe o debuxo orixinal que serviu de base para pintar, durante o seu exilio na Arxentina, un cadro do que o Centro Galicia de Bos Aires é titular. Coa exposición do cadro que é o cumio da creación artística do intelectual que viviu en Pontevedra, a Deputación redondea os actos do Ano Castelao para conmemorar o 75 aniversario da súa morte. Neste sentido, o vicepresidente Rafa Domínguez expresou a importancia que ten para a provincia a exposición desta obra. “O que sempre quixen, desde que chegamos á Deputación, foi que esta emoción a poidan sentir milleiros de galegos que van poder desfrutar deste cadro en Pontevedra”, confesou o dirixente pontevedrés despois de contemplar o cadro no Centro Galicia de Bos Aires e agradecer a xenerosidade desta institución pola súa cesión.

A sinatura do acordo, apalabrada xa desde hai semanas durante a visita do director do Centro Galicia de Bos Aires a Pontevedra, realizouse no Campo Galicia, un lugar emblemático para a galeguidade en Bos Aires. Un encontro no que participaron centos de integrantes de colectivos de galegos e descendentes de galegos residentes na capital arxentina na que todos os asistentes puideron degustar  un tradicional asado arxentino antes do protocolario acto de sinatura do convenio. Antes disto, o mandatario provincial e os demais integrantes da expedición pontevedresa tiveron a oportunidade de visitar dous lugares de referencia para a emigración galega na Arxentina como son, o Centro Galego e o Centro Galicia de Bos Aires, así como o Museo de Emigración Galega na Arxentina (MEGA) á última hora da tarde.

“A figura e o legado dun galego que morreu na Arxentina ou dun arxentino adoptivo que naceu en Galicia é o que nos trae ata aquí para honrar a súa memoria e, grazas á súa obra, estreitar os nosos lazos. Falo de Castelao, quen transformou un exilio nun segundo fogar facendo bo iso de que Bos Aires é a quinta provincia galega. Unha lección que nun munto que tende á división, os galegos dun e doutro lado do Atlántico temos moi aprendida porque tivemos un guia común. Castelao ensinounos que as raíces sempre nos levarán de volta a casa, por moi lonxe que neveguemos. E Castelao ensinounos tamén que as identidades súmanse, non hai por que abrazar unhas e renunciar a outras”, reflexionou Luis López antes de reiterar en nome da provincia de Pontevedra o agradecemento pola xenerosidade do Centro Galicia de Bos Aires e de reafirmar o compromiso da Deputación para seguir estreitando os lazos de todos os galegos. “Galicia é a vosa casa e agárdavos cos brazos e as portas abertas”, rematou o presidente provincial.

Galerías de imaxes