As experiencias e os debates no Encontro de Conservación e Restauración revelan a importancia crecente das salas de reserva nos museos

As dez conferencias e tres coloquios do encontro desenvolvido os días 24 e 25 de novembro ofreceron perspectivas moi diferentes sobre como deseñar e xestionar os espazos de almacenamento de fondos culturais.

25/11/2022

Encontro de Conservación e Restauración

O Museo de Pontevedra reuniu os días 24 e 25 de novembro persoas expertas, profesionais de museos e empresas de restauración e estudantes no XI Encontro de Conservación e Restauración, con participantes e asistentes de España, Portugal, Países Baixos e Francia. Dez conferencias e tres coloquios permitiron coñecer novas experiencias en materia de deseño e xestión das salas de reserva e reflexionar e debater sobre a importancia da conservación preventiva.

O director do Museo, José Manuel Rey, presentou o encontro salientando a importancia de eventos como este: “só a través da discusión e análise crítica é posible que a toma de decisións sexa máis informada, responsable e sostible”. Sobre a materia que se tratou no encontro destacou que “nos últimos anos emerxeron algunhas iniciativas pioneiras que marcan o camiño nas salas de reserva”, e que se puideron coñecer ao longo das sesións destas dúas xornadas.

Xoves pola mañá: o deseño das salas de reserva

As sesións do xoves abriunas Lidia Font Pagès, responsable de Conservación preventiva e restauración do Museu d'Història de Barcelona, que presentou a reorganización das salas de reserva do museo barcelonés. “Despois de reorganizalas vimos que as nosas coleccións son máis accesibles”. Defendeu un modelo no que as salas de reserva e o museo sigan sendo un único proxecto.

Irene Cárdaba explicou o modelo do Centro de Colecciones Patrimoniales de Gipuzkoa, Gordailua, no que se conservan os fondos de varias coleccións públicas e privadas da provincia. “A xestión compartida permite facer unha lectura integral das coleccións. Por exemplo, existe un acordo entre os propietarios maioritarios no centro para evitar duplicidades nas novas adquisicións”, sinalou Cárdaba.

Maite Barrio, directora de Albayalde Conservatio, puxo sobre a mesa os diferentes modelos que seguen actualmente museos e institucións de toda Europa no deseño de salas de reserva e explicou as claves para unha correcta toma de decisións: “ter en conta tres factores: o proxecto conceptual (que quero, para que, con quen quero facelo e como podo abordalo); o continente (a contorna, o edificio e os espazos funcionais); e as coleccións (análise cualitativa, análise cuantitativo e capacidade de ocupación).

Bart Ankersmit, investigador sénior da Axencia do Patrimonio Cultural dos Países Baixos (Rijksdienst voor het Cultureel Erfgoed), exemplificou nos proxectos do seu país cales deben ser as consideracións previas á creación dunha área de almacenaxe de bens culturais. Fronte a orde da toma de decisións clásica na construción dun depósito, que comezaba co deseño do edificio polo arquitecto, Ankersmit destacou que “na actualidade o punto de partida é a colección, arredor dela creamos o mobiliario e arredor do mobiliario creamos o edificio”.

Xoves pola tarde: a xestión eficiente das coleccións

A sesión vespertina arrancou coa experiencia na xestión de coleccións en sala de reserva no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Entre os aspectos nos que puxo o acento a xefa de almacén de obras de arte, Pureza Villaescuerna, está o risco de perda involuntaria por mobilidade: “No Reina Sofía realizamos uns 11.000 movementos de obras de arte ao ano, unha media de 44 ao día. Para minimizar este risco é importante a revisión do inventario, contar cun protocolo de marcaxe e un sistema de control de cambios de localización (códigos de barras)”.

E a xornada pechouse coa intervención de María José Gracia Tarragona, coordinadora de conservación preventiva do Centre de Restauració de Béns Mobles de Catalunya. Nesa comunidade desenvólvese un proxecto de implantación do método RE ORG, unha opción sostible para a xestión das reservas, especialmente en museos pequenos e medianos. “O método RE ORG é un esforzo de sistematización e normalización que se descompón en catro fases: creación do equipo, análise da reserva, planificación do proxecto e execución”, sinalou.

Venres pola mañá: máis experiencias

A sesión do venres comezou cunha visión diferente á dos museos e institucións; Alberto Lorenzo Mitexelena, director xeral de EUN Group explicou como traballa esta empresa especializada en mobiliario de almacenaxe, con solucións específicas para salas de reserva. Subliñou que “cando se entende que un dos grandes labores dun museo non é só a de compartir cultura, senón sobre todo a de protexela e custodiala, a conservación das coleccións adquire un protagonismo especial”.

A continuación, José Ángel Palomares, xefe do departamento de Conservación e investigación do Museo de Málaga, presentou a experiencia de como se deseña e como funciona un almacén dun museo cando está aberto ao público. É o caso do seu museo, que desde 2016 conta cun depósito de arte visitable.  A política deste espazo baséase en catro principios: “presentación ágrafa de fondos museolóxicos, seguridade dos fondos e do público, presentación de coleccións ordenadas por seccións e conxuntos e seguridade de coleccións ante deterioracións voluntarias ou involuntarias”.

Hélène Anton, conservadora a cargo das coleccións arqueolóxicas do CCEL (DRAC Grand Est, de Francia), explicou como se xestionan as coleccións arqueolóxicas no Centro de Conservación e Estudo de Lorraine. As súas instalacións sitúanse xunto á Casa da Arqueoloxía e o Patrimonio (MAP) e conxuntamente forman o proxecto PRIAM, que quere “tratar a arqueoloxía de maneira conxunta e coherente, desde a escavación ata a reserva e os museos”.

O encargado de pechar o encontro foi o director do MARQ, Museo Arqueológico de Alicante, Manuel Olcina. Explicou a evolución do seu museo e como se organizan as salas de reserva no seu edificio actual, tanto no que respecta á distribución dos espazos como ao material empregado e os sistemas de xestión e de vixilancia. A falta de espazo para a ampliación de fondos no museo fai que se poñan sobre a mesa as opcións de buscar almacenamento exterior e de expurgar fondos, “pero expurgar é un problema porque segundo a lexislación esa decisión lle corresponde ao responsable da escavación”. 

O evento, organizado polo Museo e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, completouse con dúas visitas: unha á colección permanente no Edificio Castelao e outra ao convento de Santa Clara, que se converterá en breve no sétimo edificio do Museo.