O Museo de Pontevedra recibiu 208.908 visitantes en 2025, a maior cifra en 15 anos

Rafa Domínguez destacou que “estas cifras non son froito da casualidade, senón dunha decisión política clara de volver situar o Museo de Pontevedra no centro da vida cultural da provincia”.

05/01/2026

O Museo de Pontevedra superou en 2025 todas as cifras de visitas dos últimos 15 anos. En 2025 un total de 208.908 persoas visitaron os seus edificios e coleccións, unha cifra só superada polo ano 2010, cando foron 226.645 visitantes. O número de visitas do ano pasado, marcado pola recuperación da Bienal de Pontevedra, supón un incremento do 43% con respecto das visitas de 2024.

Do total de visitas de 2025, 123.871 pasaron polas Ruínas de San Domingos, o edificio máis visitado do Museo. Supón un importante aumento con respecto a 2024, ano no que o período de apertura foi máis curto por mor dunha actuación de mantemento, e tamén supera lixeiramente o 2023, converténdose no segundo ano con máis visitas aos restos do convento dominico, só por detrás de 2010.

Aos edificios Castelao e Sarmiento, que concentran o groso da exposición permanente, as mostras temporais e a maior parte das actividades desenvolvidas por esta entidade, acudiron 73.206 persoas, un 0,5% máis que o ano anterior. As cifras de visitantes escolares e visitantes individuais mantívose en números similares ao 2024, destacando as visitas en grupo, con 10.590 persoas, a cifra máis alta nos últimos dez anos.

Das 35.208 persoas que visitaron estes edificios por libre, 7.538 procederon de terceiros países, cunha importante presenza de persoas chegadas de Portugal, Estados Unidos e Reino Unido. Entre as comunidades autónomas españolas, foron Madrid e Andalucía as que achegaron máis visitantes. Tamén é salientable as 11.125 persoas que visitaron o convento de Santa Clara entre xuño e setembro, meses nos que a igrexa do recinto acolleu parte da exposición da Bienal de Pontevedra.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, salientou que “estas cifras non son froito da casualidade, senón dunha decisión política clara de volver situar o Museo de Pontevedra no centro da vida cultural da provincia”, e explicou que “en 2025 impulsamos a recuperación da Bienal de Pontevedra, reactivamos espazos históricos como Santa Clara, reforzamos a programación expositiva e abrimos o museo a novos públicos”. Domínguez subliñou que “o incremento do 43% nas visitas e o récord de grupos nos últimos dez anos demostran que cando hai proxecto, planificación e ambición cultural, a resposta da cidadanía é inmediata”, e asegurou que “este resultado e sintomático dunha nova etapa na que o Museo non é un espazo estático, senón un motor cultural, turístico e económico para a provincia”.