Concerto, monicreques e unha exposición itinerante para celebrar o Día Internacional dos Museos

As actividades, que se celebrarán entre o 18 e o 20 de maio, xiran arredor do concepto de ‘Museos, sostibilidade e benestar’ e inclúen tamén unha visita guiada e unha campaña en redes sociais

10/05/2023

Día dos Museos

O Museo de Pontevedra celebra o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, cunha programación arredor do eixo temático da conmemoración deste ano: ‘Museos, sostibilidade e benestar’. Entre o xoves 18 e o sábado 20 de maio o Museo organiza unha exposición itinerante para achegar a arte ás persoas maiores, un concerto de Davide Salvado presentando o seu proxecto ‘Permita Deus’, unha visita guiada sobre museo e benestar e o espectáculo de monicreques para público familiar ‘O peirao’, de Diáspora Teatro.

O xoves 18 de maio, coincidindo coa data na que se celebra o Día dos Museos, unha exposición itinerante de reproducións de obras de arte do Museo chegará á Residencia da Terceira Idade de Campolongo. Alí, a consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández Domínguez, acompañará ás persoas usuarias do texto para interpretar con elas as obras da colección do Museo reproducidas.

O obxectivo da actividade ‘SanArte’ é empregar a arte como ferramenta de benestar, a través dunha escolma de obras de artistas como Carlos Maside, Fernando Álvarez de Sotomayor, Eliseo Meifrén, Castelao, Luis Seoane ou Maruja Mallo, que recollen aspectos sobre benestar e equilibrio coa natureza.

Davide Salvado en concerto

O xoves 18 ás 21:00 h, Davide Salvado presenta na igrexa do Convento de Santa Clara o proxecto ‘Permita Deus’. Será un escenario especial para un concerto concibido coma un acto de fe no patrimonio. A voz e as percusións de Davide estarán acompañadas do violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado para convidarnos a un recollemento sonoro con forma de concerto e fondo de acto espiritual. ‘Permita Deus’ percorre un catálogo moi persoal de cancións que quere facer ao espectador partícipe da intimidade dunha atmosfera creada por un son preciosista, un pouco meditativo, lento.

Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo aldeas en busca de ritmos, coplas e danzas, de todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música senón tamén do seu modo de vivir. O amor pola tradición, por Galicia, pola cultura e o grandísimo respecto pola nosa terra fan da maneira de entender o canto de Davide moito máis que simplemente música.

A súa traxectoria iniciouse hai vinte anos como membro de Ecléctica Ensemble. A súa versatilidade permitiulle achegarse a xéneros como o cabaré ou o teatro. O seu primeiro traballo discográfico en solitario foi ‘Árnica pura’, producido por Eliseo Parra en 2011, ao que seguiu ‘Lobos’ en 2015, un disco inspirado pola cultura tradicional e a imaxe dunha Galicia pura e salvaxe, que produciu Pedro Pascual. A estes discos en solitario súmanse os proxectos discográficos ou sobre o escenario compartidos con artistas como Ugia Pedreira, Cristina Pato, Santi Cribeiro, Kepa Junquera ou Yo-Yo Ma, entre outros.

‘O peirao’, de Diáspora Teatro

O sábado 20 de maio ás 12:30 h no Edificio Castelao, o público familiar a partir de 3 anos, poderá gozar dun espectáculo no que se mesturan narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown. ‘O peirao’ é un espectáculo de Diáspora Teatro con contos sobre como coidarnos coidando da natureza.

O espectáculo propón unha viaxe sen rumbo que ten como punto de saída o peirao, o lugar de onde saen moitos barcos e onde chegan outros. Aí xúntanse todas as historias que non se sabe moi ben xa de onde veñen, porque se mesturan co que hai en terra.

Diáspora Teatro é unha compañía galego-arxentina de narración oral e teatro de monicreques e obxectos. Nace no ano 2020 da man de María Dobronich e Dani Blanco ante a necesidade de achegar ao público historias simples e cotiás, que son o motor para a busca dunha poética propia, un teatro desde o escenario ata o corazón.

Visitas guiadas e campaña en redes sociais

A programación do Día dos Museos inclúe tamén unha visita guiada no Edificio Castelao o venres 19 de maio ás 18 h. Nela, o  equipo de Educación do Museo propón unha nova mirada sobre a colección permanente para amosar como se reflicten as preocupacións pola sostibilidade e como contribúen ao benestar da sociedade.

As canles en redes sociais do Museo de Pontevedra uniranse a esta celebración cunha campaña na que varias obras icónicas da colección cobran vida para denunciar as agresións que ameazan a nosa natureza. Co foco posto na sostibilidade ambiental, unha serie de pequenos vídeos interveñen pinturas de paisaxes realizadas por Castelao, Colmeiro, José Seijo Rubio, Manuel Aramburu e Alfredo Souto para que nos imaxinemos como serían esas mesmas paisaxes alteradas polos incendios, a polución ambiental, os verquidos mariños, a sobreexplotación eólica e o lixo ambiental.  

Vídeos