O Museo de Pontevedra únese á celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

23/03/2023

Seminarioestudos galegos

Unha ducia de entidades vencelladas ao Seminario de Estudos Galegos (SEG) e aos seus membros unen as súas forzas este ano para celebrar o centenario da creación dunha institución clave na investigación e divulgación do patrimonio cultural galego. Entre esas institucións atópase o Museo de Pontevedra, que achegará á programación conxunta un ciclo  de conferencias, dúas saídas recreando as “xeiras” e unha publicación facsimilar.

O Consello da Cultura Galega coordina a conmemoración do centenario, na que, ademais do Museo de Pontevedra, tamén participan as fundacións Losada, Fraguas, Castelao, Filgueira Valverde e Isla Couto, as tres universidades galegas, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura, o Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento e o Concello de Ames. A programación, que comeza esta semana e se desenvolverá ao longo do ano, busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG, ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado. Todas as accións poderán consultarse no espazo web que o Consello da Cultura creou para a ocasión.

A programación organízase en cinco bloques: organización de congresos, seminarios e conferencias, os proxectos expositivos, as xeiras, as publicacións e os recursos audiovisuais, sonoros e documentais. O Museo de Pontevedra está traballando en propostas que se enmarcan en varias destas áreas de traballo.

En setembro está prevista a organización desde o Museo de dúas “xeiras” pola comarca do Deza. NO SEG denominaron xeiras ás saídas en grupo que organizaban para estudar a etnografía, a arte, a arqueoloxía, a xeoloxía ou a arquitectura dunha comarca. Nesas saídas, nas que participaban todos os membros dispoñibles, visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías… O arquivo do Museo custodia a documentación de varias xeiras, principalmente das campañas realizadas no Deza (1928-1935). Para lembrar as xeiras, organizaranse dúas saídas temáticas,  centradas na arqueoloxía e na arquitectura románica, respectivamente.

En outubro organizarase un ciclo de conferencias no que se revisarán o papel no Seminario de Estudos Galegos dalgunhas das súas figuras máis relevantes vinculadas con Pontevedra: José Filgueira Valverde, Castelao, Antón Losada Diéguez, Antonio Iglesias Vilarelle  etcétera, sen esquecer a  mulleres menos coñecidas pero que tamén xogaron un papel relevante.

Outra das accións previstas é a edición por parte do Museo dun facsímil do Romance de unha fatal ocasión. Trátase dun poema colectivo elaborado polos seminaristas na última campaña de investigación polo Deza en 1935 e dedicado a Castelao, que acababa de ser trasladado a Badajoz. É unha publicación manuscrita que inclúe debuxos de Vicente Risco, Gómez Román, Vicente Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. O orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do arquivo documental do Museo. A edición incluirá un estudo introdutorio de María Jesús Fotes, arquiveira do Museo e responsable da área de documentación. 

 

Estas actividades compleméntanse con outras previstas, como a apertura dun micrositio web para divulgar os materiais do SEG custodiados no Museo, e outras conferencias e accións divulgativas. Un exemplo destas últimas é a que este venres organiza no Museo a asociación cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa. Será unha xornada de lembranza centrada en catro dos membros do SEG: Castelao, Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey e Luís Bouza Brey "Lucho". Pola mañá, a partir das 12 h, visita aos edificios Castelao e Sarmiento, con especial atención ás salas dedicadas a Castelao. Pola tarde, a partir das 18 h, conferencia a cargo de Germán Manuel Torres de Aboal: ‘O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936): o labor científico pola construción dunha identidade galega. Unha esperanza negada’. A xornada rematará cun recital poético con micrófono aberto.