As visitas do Museo no que vai de ano superan case nun 50% as de 2021

O Museo de Pontevedra está a pulverizar as súas cifras de visitantes. Os datos de visitas no que vai de ano, os específicos do verán, os do mes de agosto e os da semana das festas na cidade están a superar con grande marxe os números do ano pasado, un exercicio no que se xa se acadaran os mellores rexistros da última década.

29/08/2022

Museo de Pontevedra

No que vai de ano o Museo rexistrou un total de 108.543 visitantes, unha cifra moi rechamante que leva camiño de récord absoluto ao final de exercicio. En 2021 a estas alturas acudiran ao Museo un total de 72.787 persoas, 35.756 menos que este ano, o que supón un incremento en 2022 dun 49%. Por ter unha referencia do abafador crecemento de público deste exercicio hai que subliñar que no ano 2014 a cifra de visitas a 31 de decembro fora de 94.468, en 2015 de 73.715, en 2016 de 107.478, ou de 80.765 en 2016. Só se roldaron os 150.000 visitantes que este ano van camiño de superarse moi amplamente en 2017 e 2018.

Na semana das Festas da Peregrina, entre o sábado 13 e o domingo 21 de agosto, rexistrouse unha entrada de 14.628 persoas, case 2.000 máis que no mesmo período do ano anterior. Houbo varias xornadas nas que se superaron amplamente as 2.000 persoas visitantes por día, chegando a 2.775 na xornada do ‘pico’ máximo. Finalmente, os números do que vai do mes de agosto tamén son moi positivos. Ata principios desta semana houbo un total de 32.548 visitantes, unha cifra que supera en centos a do ano anterior a estas alturas.

Un dos motivos do tirón semella estar tanto no atractivo do edificio estrela do Museo, as Ruínas de San Domingos, como na exposición inaugurada o pasado día 4 baixo o título ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’, que vai camiño de ser a máis visitada de todo o ano. En só apenas 20 días sumou 3.716 persoas, atraendo unha afluencia de público tanto autóctono como foráneo que con toda seguridade se multiplicará ata o seu peche o vindeiro 16 de outubro.

Tamén a mostra ‘Arte Prehistórica. Da rocha ao museo’ está a resultar atractiva: dende o pasado 14 de xullo leva rexistradas 5.073 visitas, sendo a día de hoxe a que máis visitantes recibiu en termos absolutos durante todo o ano, por diante das mostras ‘A presenza invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Decó’ (4.150), ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano’ (4.096), e ‘Voilá la femme. XXV Aniversario’ (2.794).

Con respecto á orixe das persoas visitantes mantense a tónica que xa se rexistrara na Semana Santa, practicamente duplicando o número de persoas estranxeiras interesadas en coñecer os edificios e programación do Museo, incrementándose tamén as persoas visitantes de orixe galega, e manténdose sostidas as visitas de turistas do resto do Estado.