Luis López e Alfonso Rueda asinan un protocolo de colaboración no que a Xunta compromete o seu apoio económico para a rehabilitación do convento de Santa Clara

“O convento de Santa Clara está chamado a converterse nunha referencia da cultura galega. E nese camiño, unha vez máis, Deputación e Xunta de Galicia camiñan da man”, afirma o mandatario provincial

26/01/2024

Rueda e Luis López en Santa Clara

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este venres un protocolo de colaboración a través do cal o Goberno autonómico se compromete a apoiar economicamente o proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara. A sinatura deste acordo tivo lugar este venres pola mañá no altar da igrexa do templo pontevedrés; un acto que supón unha nova mostra da cooperación entre as institucións autonómica e provincial para mellorar os servizos e infraestruturas da cidade de Pontevedra. “O convento de Santa Clara está chamado a converterse nunha referencia da cultura galega. Pero para acadar ese obxectivo, é necesario tender pontes entre administracións, sumar esforzos e traballar de forma conxunta. E nese camiño, unha vez máis, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia camiñan da man”, afirmou o mandatario provincial antes de asinar o protocolo.

Ademais do apoio económico, que se materializará nas anualidades de 2025 e 2026, o protocolo de colaboración recolle tamén a creación dunha comisión de seguimento con representantes de ambas as dúas institucións, así como o compromiso da Deputación e da Xunta para tramitar todos os instrumentos xurídicos precisos tanto para a reforma e conservación das infraestruturas coma para a colaboración económica. Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2026.

Nun acto no que estiveron presentes, ademais dos dous presidentes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, e deputados provinciais, Luis López remarcou a importancia que ten a colaboración entre as institucións autonómica e provincial recordando que no último ano se asinou a transferencia do pazo de Lourizán, da Escola de Cantería e iniciouse a dos centros educativos, entre eles o CIFP Carlos Oroza, de Príncipe Felipe. “Tres exemplos de cooperación leal e colaboración estreita entre administracións para ofrecerlle mellores servizos á veciñanza”.

A sinatura deste protocolo de colaboración, afirmou o mandatario provincial, supón “unha alianza para garantir o futuro de Santa Clara como referencia da cultura galega, un acordo que reparte compromisos e responsabilidades entre Xunta e Deputación para afrontar unha reforma tan ambiciosa e un exemplo de lealdade institucional para facer máis cidade e máis provincia, que confío que sigan outras administracións”.

Do mesmo xeito, o acordo significa un novo paso adiante cara á execución dunha obra que afianzará o Museo de Pontevedra como unha das grandes referencias do ámbito cultural galego. “Quero reiterar o agradecemento da Deputación polo apoio da Xunta de Galicia a este proxecto estratéxico, transformador e vital para a cultura da nosa provincia e de toda Galicia”, concluíu Luis López.

Pasos adiante na tramitación do proxecto de reforma de Santa Clara

O presidente provincial repasou tamén a cronoloxía deste proxecto de reforma do convento de Santa Clara, unha actuación que confía en que poida comezar ao longo deste ano coa meta posta no 2027. “A nosa ilusión e obxectivo pasa por inaugurar Santa Clara para a celebración do cen aniversario do Museo de Pontevedra, no ano 2027”, recoñeceu López.

O primeiro paso cara a ese obxectivo darase o próximo martes, na Xunta de Goberno da Deputación, coa aprobación do expediente de contratación do proxecto, un trámite que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Pero antes de chegar a este punto houbo moitos pasos previos: o primeiro tivo lugar despois da toma de posesión de Luis López como presidente e da constitución do novo Goberno provincial cun traspaso de poderes “exemplar”, cun bo entendemento entre o Goberno saínte e as e os responsables técnicos do proxecto de Santa Clara.

Con todo, no proxecto que o executivo provincial ten para Santa Clara non se contemplaba a destrución dos xardíns para construír un almacén de restos arqueolóxicos, polo que se iniciaron negociacións co estudio de arquitectura gañador do concurso, Nieto Sobejano, para contemplar a posibilidade de modificar o proxecto. A predisposición, o entendemento e a boa sintonía reinaron desde a primeira reunión e, despois de varios meses de traballo, as dúas partes chegaron a un punto de acordo que debe plasmarse agora por escrito no expediente de contratación, que se abrirá a partir do día 30 de xaneiro.

Galerías de imaxes