A Deputación selecciona a Ángeles Tilve Jar como directora titular do Museo de Pontevedra tras superar o concurso público

O tribunal cualificador escolleu a súa candidatura nun proceso aberto ao que concorreron varias persoas e no que só dúas aspirantes cumpriron os requisitos formais establecidos nas bases

24/11/2025

Angeles Tilve

A Deputación de Pontevedra resolveu o proceso público convocado o 23 de setembro para a dirección do Museo de Pontevedra, designando a Ángeles Tilve Jar como directora titular da institución tras obter a maior puntuación entre as aspirantes admitidas. A resolución pon fin á etapa provisional na que exercía esta responsabilidade desde 2023 e dota o Museo dunha dirección consolidada mediante un procedemento aberto, competitivo e suxeito aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Ao concurso presentáronse varias persoas e, unha vez revisada a documentación, só dúas aspirantes —Ángeles Tilve Jar e Nuria Serrano Téllez— cumpriron os requisitos formais establecidos nas bases, entre eles a condición de funcionaria de carreira do grupo A1 e a presentación dun proxecto de dirección. Outros catro expedientes quedaron excluídos por non acreditar a súa condición de persoal funcionario A1, tal e como requiría a convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia.

O tribunal cualificador estivo integrado polo secretario da Deputación de Pontevedra, o xefe do Servizo de Cultura e a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación. A avaliación realizouse de acordo cos criterios fixados nas bases, que incluían a análise da experiencia profesional, da formación en museoloxía e xestión cultural, dos méritos acreditados e da proposta de dirección presentada por cada candidata. A elección de Tilve como directora titular reforza a continuidade institucional do Museo de Pontevedra, ao tempo que consolida o acceso ao cargo mediante o modelo empregado nos principais museos nacionais e internacionais: concurso público, procedemento transparente e selección por criterios profesionais.

Ángeles Tilve Jar é licenciada en Xeografía e Historia, especialidade en Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela. Vinculada ao Museo de Pontevedra desde 1987, ano no que ingresou como bolseira, conta con 38 anos de traxectoria na institución. Desenvolveu tarefas de documentación, investigación, conservación e coordinación técnica, foi conservadora de fondos xerais e responsable da área de Coleccións, e participou na organización de máis de medio cento de exposicións temporais. Comisariou proxectos expositivos destacados —como “Castelao en Europa. A viaxe de 1921”— e é recoñecida pola recuperación en 2016, xunto con José Manuel Castaño, dos orixinais do álbum Nós de Castelao, considerados desaparecidos ata ese momento. En 2023 converteuse na primeira muller en asumir a dirección do Museo de Pontevedra, responsabilidade que agora consolida definitivamente tras a resolución do concurso público.