Silverio Rivas

Eloxio do silencio
Datas: 24/11/2022 - 05/02/2023
Localización: Edificio Castelao

Comisaria: Beatriz de San Ildefonso Rodríguez

No contexto da incidencia do Museo de Pontevedra na difusión e investigación da arte galega enmárcase a exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’, unha revisión da obra dun artista de referencia para entender a escultura contemporánea en Galicia.

O conxunto de esculturas de Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) presentes nesta exposición inclúe obras desde os seus inicios na abstracción ata a actualidade. É, por tanto, unha mostra antolóxica, aínda que deliberadamente a súa distribución non se corresponde cun percorrido cronolóxico. As obras agrúpanse por tipoloxías ou materiais como o están no taller do artista, e convídannos a descubrir a orixe do seu proceso creativo, sempre dirixido á procura do equilibrio, a harmonía e a perfección.

O seu primeiro contacto coa materia foi no taller de ebanistería do seu pai, profesión á que se encamiñaban os seus primeiros estudos, pero pronto descobre a necesidade de converterse en escultor e transformar a materia en forma e volume.

Desde o profundo coñecemento do oficio, que lle proporciona a súa formación artesanal, inicia a procura dunha linguaxe de modernidade que achará a súa resposta no expresionismo abstracto, sendo unha das súas principais fontes de inspiración a natureza.

A obra de Silverio é o resultado dun respectuoso diálogo coa materia que o vai guiando no proceso de creación. Un traballo reflexivo que leva a cabo na soidade e o silencio dos seus diferentes talleres, onde desenvolve un intenso labor de investigación, sempre coa intención de crear unha obra nova e diferente fuxindo da monotonía. Ese traballo constante é o que lle permite coñecer novas técnicas e traballar materiais moi diversos. Na súa etapa inicial, cando se desprende da figuración para centrarse na procura das formas puras, utiliza a técnica da ensamblaxe. Aos ocos e os volumes creados por módulos ensamblados seguiranlles as esculturas articuladas que nos inducen a buscar o misterio que esconden no seu interior e que ao abrirse reproducen o movemento da natureza.

Tras un longo período (1979-1986) dedicado á articulación de madeiras nobres e bronces, a necesidade de cambio lévao a emprender unha nova etapa centrada na pedra. Busca o refuxio da canteira onde atopa a linguaxe co que traballar o granito e descobre o segredo da pedra, para realizar unhas esculturas nas que dirixe a súa mirada á arte exipcia. Este foi un dos seus referentes desde que visitara o Museo do Louvre na súa primeira viaxe a París, en 1972. As alusións a esta arte da antigüidade están presentes nos seus traballos desde aquel momento e fanse visibles en aspectos como os perfectos pulidos das súas esculturas, no que tamén influíu a súa profunda admiración por Brancusi. A obra pétrea revela a monumentalidade dos exipcios, pero á vez consegue a sensación de ingravidez cos ocos e os espazos baleiros.

Para evitar a monotonía que supón o uso exclusivo dun material, alterna o traballo da pedra co metal ou a madeira, agora transformada en estruturas xeométricas nas que abre fisuras, crea ocos ou xera espazos ilusorios de luz, servíndose da cor.

Por último, debemos mencionar as obras creadas a partir de obxectos cotiáns achados ao azar, que ao ser manipulados obteñen unha nova vida transformados en obras de arte, seguindo o exemplo do Novo Realismo.

 Dossier para medios de comunicación