San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada

Datas: 30/01/2026 - 05/04/2026
Localización: Edificio Castelao

Comisariado: Xosé Manuel Buxán Bran e Natalia Fraguas Fernández

 

O proxecto expositivo xorde a partir da investigación que o profesor Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco coa súa tese doutoral, titulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente. Ao longo dos anos, o comisario e crítico continuou esa investigación sobre o eros e a imaxe de Sebastián que agora se amosa no Museo de Pontevedra, fundamentalmente na súa vertente de obra gráfica expandida: desde as técnicas tradicionais do gravado ata a edición actual en portadas de libros, discos, portadas de revistas, carteis e mesmo serigrafías para camisetas. Acompáñao no comisariado Natalia Fraguas, especialista en arte gráfica do propio Museo.

A exposición amosa unha extensa representación de imaxes que van desde estampas de mestres gravadores do norte, cuxas pranchas máis antigas son do século xvi (e dos que posúen copias coleccionistas privados e algúns dos gabinetes de estampas dos grandes museos do mundo) ata un mostrario das derivadas da arte gráfica contemporánea que na actualidade seguen a revivir a iconografía e o mito de san Sebastián no ámbito da publicidade.

Na sección máis extensa, referida ao gravado, a mostra divídese nos seguintes apartados, que aluden ao xeito de representar o mártir: 1. Martirio de san Sebastián; 2. Sebastián, só e nu; 3. Sebastián, un torso en primeiro plano; 4. Sebastián, asistido polos anxos; 5. Sebastián e as santas mulleres; 6. Sebastián in gloria; e 7.Sebastián noutros escenarios posibles. Desa maneira téntase entender e visualizar para o público xeral todos os modos cos que a historia da arte encarou a iconografía de Sebastián. 
Co propósito de entender as ricas derivacións da imaxe de Sebastián no campo da cultura, o seguinte grupo de traballos da mostra céntrase nas capas ou portadas nas que o mundo editorial e literario reivindica o santo, na meirande parte das veces por ser metáfora do desexo carnal e da beleza, da dor e do pracer, da afouteza e da pasividade. Na ampla selección vemos capas de ensaios, novelas ou poemarios que atoparon no santo a súa inspiración gráfica. Tamén capas de discos e cedés, portadas de revistas, carteis de películas, deseño de camisetas ou publicidade e perfumería. 

Finalmente, a exposición péchase co que sería un esbozo dunha posible segunda parte de estudo do tema sebastiniano. E aí vemos exemplos de Sebastián en escultura en pedra calcaria, bronce e alabastro, tamén cerámica e mesmo un relevo en marfil, de diferentes épocas e procedencias internacionais. A inspiración que o mito subministrou a pintores, escultores e fotógrafos fica para esa posible segunda parte.

Asemade, cómpre falar do coleccionismo, dado que todas as obras proceden do ámbito privado. É interesante observar como coleccionar representacións de san Sebastián semella unha paixón privada e case que oculta, tal como queremos suxerir no propio subtítulo da mostra.

É esta unha exposición singular e extensa, que conta con precedentes en diversos museos e publicacións internacionais (xa que tamén se amosan distintos catálogos dedicados ao tema), pero que en España aínda non se fixera con esta variedade de fontes, soportes e recursos. Ademais, o feito de ser san Sebastián o patrón de Pontevedra engade outra razón ao interese que ten esta mostra para a propia cidade.