José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025
Comisario: Xosé Luis García Canido
José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025 móstranos unha escolma das pinturas que José Freixanes (Pontevedra, 1953-Madrid, 2025) concluíu nos seus derradeiros vinte anos, os que transcorren entre Al final del amanecer (Casablanca, 2006), Voces de basalto negro (Damasco, 2007) e novembro de 2025, data do seu falecemento. Aquelas intervencións efémeras permaneceron como un manancial eterno ao que sempre acudiu, como unha semente que revive, se multiplica e se transforma a través dun interminable proceso de creación, preservación e destrución, que se repite circularmente.
Entre outras, a exposición recolle obras de series como Eclipse lunar, Feito e des-feito, Comportamentos ou Fíos, testemuños dunha vida que se desenvolve a xeito de viaxe no tempo e no espazo. Cada cadro deixa de ser un obxecto illado para formar parte dunha polifonía a través da que se nos invita a revisar algúns dos paradigmas que sustentan a sociedade contemporánea. Con actitude curiosa ante o alleo e insubmisa fronte aos prexuízos, as creacións de Freixanes caracterízanse por un desexo de entender ao “outro” e por unha procura constante do afastado, que tamén implica esa experiencia singular do retorno a un mesmo.
A mostra evidencia tamén a súa paixón pola artesanía e a conexión entre pintar, escribir e coser en canto xestos íntimos que posibilitan novos universos a partir da nosa capacidade innata para soñar. A través do fío e unha excepcional habilidade para transformar a memoria das tradicións populares como ferramentas poderosas de creación, o artista galego xerou unha nova forma de escritura, singular e misteriosa, coa que profunda nun xogo metafórico sobre o comportamento humano e en conceptos vencellados coa diversidade, a diferenza e a globalización.