De xira por España

Bicentenario do Museo Nacional del Prado
Datas: 18/03/2019 - 21/04/2019
Localización: Sexto Edificio

O Museo Nacional del Prado programou De xira por España, unha exposición na que, para conmemorar o seu bicentenario, a institución cede durante un mes unha obra de especial relevancia das súas coleccións a diferentes museos de España, un por cada comunidade e cidade autónoma. No caso de Galicia, seleccionou como sede o Museo de Pontevedra, onde se exhibe o Retrato dun médico, asinado por El Greco en Toledo cara a 1582-1585.

Esta obra permanecerá exposta no Sexto Edificio desde o 18 de marzo ao 21 de abril.

O cabaleiro representado no lenzo do Museo do Prado foi identificado como médico por levar no dedo polgar un anel, distintivo entón desta profesión, e por aparecer o cadro así rexistrado nos inventarios do século XVII do Real Alcázar. Probablemente sexa un retrato de Luis Mercado, catedrático e médico da Real Cámara, ou de Rodrigo de la Fuente, “o médico máis famoso de Toledo”, segundo relatou Cervantes en La ilustre fregona. A composición lembra os retratos de intelectuais realizados en Venecia no século XVI, incluído o ademán retórico da man dereita.

O 19 de novembro de 1819 inaugurouse o Real Museo de Pinturas y Esculturas, que co tempo adoptaría o seu nome actual de Museo Nacional del Prado. Desde as súas orixes, este museo tivo como sede o edificio que deseñou en 1785 o arquitecto Juan de Villanueva para aloxar a Academia de Ciencias Naturales e o Gabinete de Historia Natural. O seu excepcional patrimonio, cuxa orixe foron as coleccións reais, foise acrecentando constantemente con adquisicións e doazóns; e comprende pinturas, esculturas, debuxos, estampas, artes decorativas, fotografías e fondos bibliográficos e documentais.

Acompañando este interesantísimo retrato quixemos expoñer dúas versións de famosas obras do xenial pintor, ambas as dúas custodiadas no Museo de Pontevedra desde a década de 1940 e exhibidas desde entón no edificio Castro Monteagudo.

Estes lenzos son A expulsión dos mercaderes do templo, unha destacada copia saída do activo taller de El Greco e San Pedro e san Paulo, unha copia anónima da primeira metade do século XVII que, nalgún momento, estivo atribuída a Jorge Manuel Theotocópuli, fillo e discípulo do mestre. Esta última é unha das moitas obras que o Museo Nacional del Prado mantén depositadas desde 1860 en diferentes museos de España, e forma parte do conxunto de 76 creacións que depositou no Museo de Pontevedra, algunhas delas desde a súa inauguración en 1929.


Obradoiro para nenas e nenos impartido polo Gabinete Didáctico

Día 30 de marzo, de 11:00 h a 13:00 h.

Idades: de 7 a 13 anos

Nº de prazas: 15

Inscrición: De luns a venres de 9:00 a 14:00 horas no teléfono: 986 804 100 ext. 42413 ou enviando un correo electrónico a: gabinetedidactico.museo@depo.es

Visitas guiadas

Sábados ás 18h

Imparte persoal de Gabinete Didáctico.

Non se precisa concertar cita.

(Para visitas guiadas en grupo contactar previamente co Gabinete Didáctico)

Exposición - De xira por España