De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano

Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra
Datas: 24/02/2022 - 24/04/2022
Localización: Edificio Castelao

 A exposición De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra permanecerá aberta no edificio Castelao desde o 24 de febreiro ata o 24 de abril. A mostra, comisariada polas conservadoras do Museo de Pontevedra Reis Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas, ofrece unha visión obxectiva, baseada na investigación, de quen era Carmen Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, reconstruíndo a través da pintura, a música, a fotografía e a moda, o ambiente cultural e social no que viviron.

A figura de Carmen permite coñecer o tipo de educación que recibía unha muller da alta sociedade, o que favoreceu que desenvolvese actividades artísticas e culturais que tiveron unha importante repercusión no panorama intelectual de Pontevedra na segunda metade do século XIX.

Esa formación transmitiuna ás súas fillas que, seguindo o seu exemplo, converteron a residencia familiar, o Chalé Méndez Núñez, despois coñecido como Palacete das Mendoza, nun referente cultural. Os faladoiros, os bailes de sociedade e as veladas musicais que se celebraban nos seus salóns, foron o lugar de encontro non só do máis destacado da sociedade pontevedresa senón de todos os personaxes ilustres que visitaban a cidade.

O percorrido está estruturado en dous partes, unha primeira dedicada á nai e a súa traxectoria como artista; e unha segunda, máis ampla, que reflicte a vida das súas fillas como continuadoras do seu legado. A sociedade, o Palacete das Mendoza como reflexo do luxo burgués, Oriente no chalé, a imaxe interior e o culto á beleza e a moda e os complementos, son os distintos apartados nos que se desenvolve esta proposta que ofrece a oportunidade de ver pezas nunca antes exhibidas.

Ademais de obxectos persoais, obras de arte, libros, fotografías ou elementos da súa vestimenta restaurados para esta ocasión, a exposición inclúe tamén a recreación de dúas estancias do Palacete das Mendoza.


Visitas teatralizadas

Ao longo dos meses que durará a exposición, os sábados haberá visitas teatralizadas á mostra realizadas pola compañía Señora Supina. Serán ás 17:30 e ás 19:00 h e terán capacidade limitada polo que, as persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal, especificando a quenda de preferencia, o seu nome completo e número de teléfono.