Tesouro de Caldas de Reis
O Tesouro de Caldas de Reis, tamén coñecido como o depósito das Silgadas, constitúe a día de hoxe a maior acumulación de ouro coñecida na prehistoria europea. Trátase dun conxunto de corenta e unha pezas de ouro de gran pureza e de procedencia aluvial, que suman un peso aproximado de 15 kg.
As pezas que o forman son un aro grande rematado en paletas, vinte e sete aros tipo lingote de formas e pesos variables, tres fragmentos de barra, dúas cuncas con asa lateral, un xerro con asa lateral, seis fragmentos de láminas decoradas e un peite ou peita.
Barállanse diferentes hipóteses sobre o motivo de seu ocultamento, aínda que dada a cantidade e diversidade de pezas que o conforman, cobra forza aquela que defende que se trata dunha acumulación de obxectos valiosos que foron depositados para seren refundidos ao quedar obsoletos.
Un depósito é un conxunto de materiais metálicos que foron acumulados e dispostos de forma específica nun lugar estratéxico, normalmente nunha antiga vía de comunicación, por motivos diferentes.
O Tesouro de Caldas foi descuberto de forma casual nos anos corenta por uns paisanos que estaban a realizar labores agrícolas na finca das Silgadas, en Caldas de Reis, lugar ao que lle debe o seu nome. Aínda que os descubridores ocultaron o seu achado e venderon parte das pezas para beneficio propio, estímase que o conxunto en orixe pesaba en torno a 25 kg.
Ficha Técnica
Saber más
As pezas que forman este tesouro atopáronse ocultas baixo terra a uns 20 cm de profundidade. Apareceron dispostas en grupo e ordenadas, posiblemente, tal e como as enterraran, xa que en orixe deberon estar contidas nun recipiente de material perecedoiro que non se conservou, como un saco o un cesto.
Entre as pezas máis fermosas destaca o peite ou peita, tanto pola súa forma como pola súa decoración a base de incisións, reproducindo modelos feitos en óso ou madeira.