Tímpano de San Xoán de Palmou

O tímpano de Palmou é unha peza emblemática na recuperación do patrimonio galego espoliado.

Realizado entre 1150 e 1160, é o primeiro e mellor elaborado dunha serie de sete tímpanos coa mesma escena que aínda se poden ver na actualidade noutras tantas igrexas románicas situadas no centro de Galicia, repartidas nas catro provincias. Coma nelas, a parte curva mostra unha serie de arcos de medio punto, similares aos que se poden contemplar en diferentes lugares da catedral de Santiago. Enmarcan unha escena do antigo testamento na que Sansón está a loitar cun león.

Aínda que a labra non é de gran calidade, mostra algúns trazos de interese, como a representación de volumes, a adaptación ao marco ou a realización con máis detalle dalgunhas partes.

Ata o século XVIII formaba parte da primitiva fachada occidental da igrexa románica de San Xoán de Palmou (Lalín-Pontevedra) que foi entón remodelada. Cara a 1930 foi descuberto por membros do Seminario de Estudos Galegos e fotografado integrado na fachada dunha vivenda tradicional.

Pouco tempo despois, esta peza desapareceu e non se volveu localizar ata transcorridos moitos anos, á venda nunha galería de Milán (Italia). Alí conseguiu adquirila, finalmente, o Museo.

Ficha Técnica

Título
Tímpano de San Xoán de Palmou

Estilo
Románico

Data
Ca. 1150-1160

Técnica
Talla

Material
Granito

Dimensións
92 x 182 x 22 cm

Inventario
016674

Localización
Salas de reserva

Saber más

Ademais do tímpano de San Xoán de Palmou, conta o Museo con outros tres tímpanos medievais procedentes das igrexas de San Martiño (Moaña), de San Francisco (Pontevedra), e da desaparecida igrexa de Santa María (Vigo). Todos eles recuperados no seu día pola antiga Sociedad Arqueológica de Pontevedra.