E para qué queres fuxir da terra ¿non temos pan no forno?

E para qué queres fuxir da terra ¿non temos pan no forno? é un dos cincuenta e un debuxos orixinais que realizou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para o Álbum Nós, publicado en 1931. Nel representa, xunto a outros cinco debuxos desta serie, o fenómeno migratorio que estaba padecendo Galicia.

O conxunto do álbum é froito da transformación creativa que o artista experimenta motivado polo seu cambio ideolóxico cara o galeguismo, o que o conduciu a representar os problemas do mundo rural galego logrando plasmar a psicoloxía e os sentimentos dos personaxes.

Son debuxos nos que predominan as cores ocres dándolles unha aparencia de gravados ao augaforte, inspirándose quizais na serie de Los Caprichos de Goya. Exhíbense pegados sobre as cartolinas orixinais como Castelao os mostro nas exposicións que realizou a comezos da década de 1920 en diversas cidades de Galicia e Madrid. Nelas vense escritos a lapis os textos que os complementan e explican, algúns con variacións con respecto aos que figurarían no álbum publicado.

Esta obra foi o derradeiro paso evolutivo dunha serie de debuxos o mesmo tema nos que un pai intenta convencer ao seu fillo, ansioso por emprender o camiño cara un destino cheo de posibilidades, para que non emigre, ante as penalidades ás que se terá que enfrontar e a incerteza que lle agarda. Nesta última creación represéntase a escena dunha forma máis dramática, como se aprecia na representación da paisaxe e dos personaxes –agora o pai xa moi vello e colocado á esquerda do mozo que aínda semella máis decidido e cheo de sonos–.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) foi un personaxe clave na Galicia do século XX polas actividades levadas a cabo como pintor, excepcional debuxante, caricaturista, escritor en lingua galega e destacado político galeguista.

No edificio do Museo que leva o seu nome dedícanselle dúas salas nas que se mostra a súa evolución artística a través dun conxunto moi amplo de obras entre as que se expón a serie de debuxos que denominou o Album Nós, creada entre 1916 e 1918, adquirida polo Museo en 2021, logo de localizala en 2016 despois de permanecer en paradoiro descoñecido desde 1931, ano no que se publicou nun álbum luxosamente encadernado.

Abandonada a súa profesión de médico en Rianxo, apenas uns anos despois de iniciala, en 1916 instálase na cidade de Pontevedra para desempeñar un posto como funcionario do servizo de estatística que lle permitiu desenvolver a súa vocación de pintor e debuxante e colaborar en diversos aspectos da vida cultural da cidade participando na fundación de diversas entidades, entre elas este museo que reúne a maior colección da súa obra.

Ficha Técnica

Título
E para qué queres fuxir da terra ¿non temos pan no forno?

Autor
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Data
1918

Técnica
Pluma, tinta chinesa, augada

Soporte
Papel

Dimensións
20,1 x 20,3 cm; 39,5 x 32,5 cm

Inventario
18623-09

Localización
Edificio Castelao, planta 2, sala 8

Saber más

Con este mesmo tema e texto similar, Castelao publicara en 1915 un debuxo en La Voz de Galicia de Buenos Aires e en Labor Gallega de La Habana, e en 1918 outro no diario madrileño El Sol. O Museo de Pontevedra custodia un debuxo cos mesmos personaxes que os protagonizan, posiblemente sexa o precedente de todos eles.

A emigración é a temática máis representada no Álbum Nós. Seis son as escenas nas que se mostran cinco instantes deste proceso: desde un bebé no seu berce ante o que a súa irmá se pregunta se terá que emigrar algún día, o mozo desexoso de partir que non atende o consello do seu pai, a multitude no porto camiñando coas súas poucas pertenzas para embarcar, o emigrante a bordo do barco rumbo a América, e o retornado que regresa coa saúde quebrada para morrer na súa terra. Este derradeiro motivo está representado nun debuxo da colección do Museo que finalmente foi substituído na publicación de 1931. O enfoque final deixa clara a imaxe negativa que o artista nos ofrece deste proceso.