A Virxe Branca
A Virxe Branca está considerada unha das representacións de María máis fermosas do Renacemento español. Constitúe un claro exemplo do intercambio artístico que existiu entre Galicia e Portugal durante os séculos XV e XVI, pois atribúese ao escultor João de Ruão, un dos principais representantes da Escola de Coímbra.
Realizada na pedra calcaria das canteiras portuguesas de Ançã, trátase dunha obra de impecable factura que amosa o ideal de beleza renacentista na representación da Nai, con pose equilibrada e rostro de expresión contida, ao tempo que anuncia un novo estilo na robustez e a torsión do corpo do Neno, o Manierismo.
A peza, totalmente policromada en orixe, responde á iconografía da Virxe co Neno e un paxariño, moi habitual no Renacemento. Aínda que hai diferentes interpretacións, pode que se inspire na simboloxía cristiá do xílgaro, paxaro que por alimentarse do cardo espiñoso enténdese como una premonición do martirio de Xesús.
Entre as curiosidades que acompañan a historia desta talla adoita sinalarse que o artista a quen se lle atribúe, acostumaba inspirarse en modelos achegados: na súa esposa, para a representación da Nai, e nos seus fillos para a do Neno.
Outra é o evidente anacronismo na vestimenta e o peiteado de María, pois esa non loce os que lle corresponderían coa súa época senón os dunha moza rica do Renacemento: vestido longo, camisa interior, corpiño axustado, manto e pano sobre os ombreiros e tocado a modo de casquete con velo e lazo cinguido.
Ficha Técnica
Saber más
Xunto á Virxe Branca expóñense outras obras destacadas, realizadas tanto en pedra calcaria como en granito, que son exemplo da itinerancia de talleres e do intercambio de obras e materiais naquela época. É o caso do San Xoán Bautista, procedente do mosteiro de San Xoán de Poio, A Virxe do Leite, peza de importación francesa que luciu na igrexa do antigo Hospital de San Xoán de Deus de Pontevedra, ou o conxunto da Virxe do Socorro e Santa Ana, da igrexa de Santa María de Pontevedra, atribuído ao mestre Corniellis de Holanda.