Unha nova ara a Edovius procedente de Caldas de Reis no Museo

17/08/2015
Museo de Pontevedra

A finais do século XVIII ou inicios do XIX apareceu en Caldas de Reis un ara romana dedicada a unha divindade, de carácter probablemente indíxena, e totalmente descoñecida: Edovius. A última vez que se puido ver foi con ocasión da Exposición Rexional de Santiago de 1909; desde entón, descoñécese o seu paradoiro o que motivou certo grao de escepticismo e prudencia entre os investigadores acerca da correcta interpretación do texto.

En 2008, o control arqueolóxico das obras de desmantelamento e edificación nun soar na mesma vila permitiu recuperar unha nova e magnífica ara dedicada a Edovius que fora reutilizada como perpiaño no muro da fachada.

A súa inscrición, magnificamente estudada por Barja de Quiroga e Rúa Carril, pode ser datada no século II ou inicios do III e indicaría que un tal Epagathus dedicaría o altar a Edovius. A aparición de novo deste nome vinculado a unha divindade, é transcendental para o mellor coñecemento da época galaico-romana.

Ver artigo completo en PDF

Fondos Arqueolóxicos