Un cadro do Museo para o día de San Martiño

11/11/2014
Museo de Pontevedra

Martiño era un soldado romano que viviu entre o 316 e o 397. Un día en Amiens (Francia) pasou diante dun mendigo que estaba case espido, entón Martiño cortou a capa coa súa espada e doulle a metade ao mendigo.

Este instante é o representado nesta táboa de fins do s. XV que é unha das principais obras da colección de pintura gótica que se expón no Edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra.

A obra era o taboleiro central dun retablo desaparecido dedicado a este santo que se fixo moi popular na Idade Media. Xunto a ela expóñense tres cadros máis pertencentes a este mesmo retablo. En dous deles nárranse dous instantes da vida de Martiño, unha vez convertido ao cristianismo: Martiño como bispo oficiando unha misa e a morte de Martiño. No terceiro, que remataría o retablo, represéntase unha crucifixión.

Todos estes óleos son inmellorables exemplos para observar cómo os artistas noutros tempos narraron con imaxes historias relixiosas que lles encargaban previamente. Por esta riqueza iconográfica, á que hai que engadir a estilística e técnica, a obra que nos ocupa ten un valor didáctico moi destacado, e resulta moi apropiada para as visitas do alumnado do ensino obrigatorio centradas na pintura da fin da Idade Media e da Idade Moderna.

Ante ela pódense observar ou comentar aspectos como: a pertenza desta obra a un retablo e a súa función, os diferentes tamaños dos personaxes, os anacronismos históricos da representación (Martiño como un nobre do s. XV con vestiduras luxosas, estribos para montar que non existían na antigüidade…), a textura e relevo que presenta a capa pictórica polo emprego de pasta de xeso, a utilización de pan de ouro, a arquitectura do fondo e a súa representación en perspectiva, a espada e a capa como atributos de Martiño e a grande importancia desta última como unha reliquia medieval moi valorada.

Os investigadores que estudan esta obra sitúana como unha produción da Escola Aragonesa de finais do s. XV, atribúese principalmente ao Mestre de Villarroya.

José Manuel Castaño García