Presentámosche unha foto comentada da exposición de fotografías Oficios e traballos nas imaxes do pasado

19/04/2013
Museo de Pontevedra

A exposición Oficios e traballos nas imaxes do pasado foi creada polo Museo para formar parte do programa de colaboración desta institución cos concellos da provincia.

A esfolla do millo

A fotografía amósanos unha escena típica da Galicia rural nos comezos do outono, como é a colleita e a esfolla do millo, cereal chegado de América a principios do século XVII, que veu a substituír o millo miúdo.

Despois de segado nas veigas co fouciño, era transportado en carros de vacas para descargalo: se no cuberto, ou alpendre, facendo bardas, de maneira que o cano groso quedase cara o interior; se na eira, como neste caso, ademais de en bardas, se o tempo estaba seguro, púñase en moreas ou moricas, de forma cónica, para que se mollase o menos posible en caso de choiva.

A familia posa na eira, situada detrás da casa, presidida polo hórreo. As mulleres presentan unha variada indumentaria, que semella que foi posta adrede para o posado: abas ata os nocellos, cubertas polos mandís; chambras de longas mangas; mantelos ás costas atados ó peito; agás unha, pano da cabeza, que os homes toucan coa boina.

Os personaxes que se dedican nese intre a esfollar parece que utilizan coa súa man dereita o esfolladeiro, instrumento de ferro ou arame, aguzado na punta, en circo no outro extremo para poñelo no dedo ou mangado nun pequeno toro de madeira ou nun anaco de carozo do propio millo, co que se separan os follatos ou casulas da mazaroca para quitarlle a espiga.

A muller da esquerda da foto semella pasar por alí de volta da fonte, levando o balde na cabeza, como se fose dedicarse á tarefa de preparar o xantar.

En primeiro termo dous cestos de corras, feitos de ramas de vimbia ou de bidueiro entrelazadas, con dúas asas opostas para facilitar o transporte. Un deles está acugulado de espigas e o outro acolle dous cabazos ou calacús alongados, que logo se empregarían para a mantenza dos animais.

Coas canas xa despoxadas das espigas facíanse os monllos, atados con odias ou vencellos de palla colma, que despois se gardaban nas palleiras ou se acomodaban en palleiros, chamados nalgures murgueiros, na propia eira, erguidos ó redor dun poste de madeira espetado no chan. Por veces acadaban considerable altura, colocando uns próximos ós outros e suxeitándoos entre eles por medio de travesas cravadas. O facer un bo palleiro no que non podrecese a palla por mor da choiva requiría unha gran mestría no labor, que adoitaba correr por conta de mulleres.

As partes máis brandas da palla milla era un alimento importante para o gando vacún, principalmente durante o inverno. Pola súa parte, os follatos ou casulas máis interiores, e polo tanto máis finos e suaves, eran quitados en ocasións para facer con eles tiras delgadas que servían de recheo dos xergóns.

As espigas eran baleiradas no hórreo, facendo balos entre os claros e na entrada da porta, para, despois de debulladas, levar o grao ó muíño de auga, onde se transformaba en fariña, empregada principalmente para facer pan de boroa no forno de pedra, cos seus rituais de amasado e enfornado, axustando a pequena porta de madeira con bosta de vaca, e para manter tamén os animais, en especial o porco, polo que supuña de alimento familiar para o ano.

O hórreo era indicativo do poderío económico da casa. Neste caso semella pequeno, con dous claros. Descansa sobre cepas de pedra coroadas por lousas que fan de tornarratos, nas que pousan as vigas e as trabes. Todo el é de madeira, con doelas verticais algo separadas entre si para permitir o paso do aire coa finalidade de curar o millo. Dispón de porta de acceso por un lateral. A cuberta é a dúas augas, con tella curva do país, e aleiro moi saínte. Ten por remate no pinche un simbólico pináculo, posiblemente de madeira, que debería corresponder no oposto cunha cruz.

A tipoloxía do hórreo, aínda que é semellante ó coñecido como mariñán, da contorna de Betanzos, puidera ser a da zona ourensá correspondente ós concellos de Cartelle, Arnoia ou A Merca.

Moi en primeiro termo aparece pousado no chan un xerro de barro, produto dunha artesanía case desaparecida a día de hoxe ou cunhas finalidades moi distintas das orixinarias. A súa forma lixeiramente barriguda e o ancho da asa que arrinca da panza e empata no borde fainos pensar que saíse dos alfares de Tioira, en Maceda, con mercado ata a zona do Ribeiro e Celanova. Facían xerros e xerras, con diferentes tamaños, dos que se conservan no Museo exemplares reunidos e doados por Luciano García Alén e a súa dona María Ayaso. Eran usados para levar líquidos, neste caso podía ser viño, e incluso os máis grandes para transportar a comida ós traballadores do campo que estaban lonxe da casa.

José Fuentes Alende