Oficios e traballos nas imaxes do pasado

08/05/2013
Museo de Pontevedra

Hoxe presentámosche outra fotografía comentada da exposición Oficios e traballos nas imaxes do pasado. Esta mostra foi creada polo Museo para formar parte do programa de colaboración desta institución cos concellos da provincia.

Carrexando Pinos

En determinadas ocasións nas aldeas organizábanse traballos comunitarios, nos que unhas familias axudaban á que o precisaba ou nos que todos traballaban para todos ou ó mesmo tempo. Entre estes son de salientar os carrexos ou carretos, principalmente de pedra desde a canteira para construír a casa ou algunha dependencia, de leña de carballo derramada na lúa axeitada de xaneiro, de esterco antes da sementeira ou de toxo, estrume ou mulime no outono.

Neste tipo de carretos participaban as xugadas de vacas de cada veciño, que aproveitaban o tempo de carga para comeren un manado de herba seca ou un monllo de palla de millo levado adrede no carro.

Pero a maiores había os carreteiros profesionais, dedicados especialmente ó transporte de madeira desde o monte ata a serraría ou ata o punto onde era doado cargala no camión. Foron substituídos polos tractores, como os tronzadores dos serranchíns o foron polas motoserras e os homes cargadores das toradas polos guindastres adaptados.

Facían o seu traballo os carreteiros con parellas de bois castrados. Estes adoitaban levar ferraduras nos pezuños para evitar que as pedras dos camiños llelos entrillasen, producíndolles feridas e a conseguinte coxeira. Para poñérllelas, eran levados ó ferrador, como o eran tamén os cabalos, que dispuña dun sitio axeitado, cun poldro, de madeira ou de ferro, que permitía inmobilizalos.

O carro de bois era máis pesado e de dimensións algo maiores co de vacas, malia que o seu funcionamento e os elementos eran os mesmos: dúas chedas en curva na parte dianteira, que forman o chedeiro, do que sae a cabezalla para suxeitala ó xugo por medio da chavella e do temoeiro, con cinco furas en cada unha para meter os fumeiros ou estadullos; o soallo, táboas entre as chedas, que forman o piso; as chumaceiras, unha a cada lado ó medio de cada cheda, sobre as que se aplican as apeladoiras ou diantoiras, entre as que xira o eixo.

Ó andar, o roce continuo do eixo coas chumaceiras daba lugar ó quecemento das madeiras, co conseguinte perigo e desgaste. Para suavizalo, untábanse con graxa de porco ou con sebo de carneiro, e aínda con xabón da roupa. Pero tamén para que o carro cantase e así anunciase ó lonxe por onde ía, para que os que circulaban en sentido contrario o soubesen e puidesen parar nun ancheamento do camiño, da corredoira ou da congostra

José Fuentes Alende