O gravado da primeira fachada efémera construída para a festividade do Apóstolo Santiago

21/07/2011
Museo de Pontevedra

A celebración da festividade en honra do Patrón de España, Santiago Apóstolo, acompáñase desde hai séculos -entre outros festexos lúdicos e populares- dun espectáculo de fogos de artificio -na noite do 24 de xullo ,véspera da onomástica,- nunha arquitectura efémera cuxa forma e contido foi variando ao longo da historia. Así o castelo que en época barroca se construía no centro da praza do Obradoiro acabaría transformándose, xa desde o século XIX ata a actualidade, nunha fachada neomedieval levantada diante da fronte catedralicia. Será entón cando o Concello compostelán, responsable da organización e financiamento dos fogos relevando ao Cabido da Catedral, encargue aos distintos arquitectos municipais o deseño destas novas fachadas; construcións efémeras levantadas integramente en madeira nas que se imporá, como no resto das arquitecturas festivas europeas, un estilo ecléctico que enxalza á súa vez as diferentes tendencias artísticas do pasado. O tema, que será sempre o mesmo, mostrará o triunfo do Cristianismo sobre o Islam.

A fachada máis antiga da que se ten constancia en Compostela está datada no Ano Santo de 1852 e responde á traza do que era o arquitecto municipal desde 1840, Manuel Prado y Vallo, fillo do tamén prestixioso arquitecto Melchor de Prado e Mariño. Dela quedou como único testemuño gráfico unha estampa conservada no Museo de Pontevedra, litografía realizada polo gravador Jorge Osterberger, o mesmo que levaría ao papel as fachadas correspondentes a 1858 e 1869, obras do mesmo arquitecto. Trátase dunha fantasía arquitectónica cuxa forma responde o título que para esa ocasión foi escollido: ARCO TRIUNFAL. Unha fronte única aberta por un gran arco central no que destaca, rodeado por un potente feixe de luz, o sepulcro do Apóstolo coroado coas iniciais en vertical S T O. Rematado por un gran pináculo con adornos en forma de roleo e a estrela de David na parte superior, presenta dous laterais de estrutura maciza alixeirados pola apertura de cadansúas rosetas e os correspondentes vans con arco de medio punto e efecto de vidreira. A prolongación destes macizos conséguese con catro torres apuntadas coroadas con estandartes militares. O debuxo arquitectónico complétase cun texto impreso no que se indica que a fachada estaría levantada, a instancias do Concello, desde o día 24 ata o 28 de xullo, iluminándose o arco con fuegos de colores la noche del 24 y con grandes flameros y vistosos transparentes la noche del 25.

A crónica da visita dos Duques de Montpensier a Galicia- a súa estancia en Santiago coincidiu no tempo coa festividade do Apóstolo- permítenos saber que a previsión inicial que neste gravado se recolle debeu ser modificada como consecuencia da inestabilidade atmosférica. A choiva obrigou a suspender os fogos do 24, que foron substituídos pola luz eléctrica encargada de facer brillar el enmaderado que sostiene la fachada de los fuegos artificiales. O mesmo sucedería ao día seguinte, no que de novo a climatoloxía adversa obrigaría a pospor los fuegos artificiales, de antigua nombradía y merecido renombre. Un espectáculo de luz e cor que finalmente tería lugar no serán do 26 na que os ilustres convidados contemplarían por fin a queima da citada fachada.

Bibliografía

“Fiestas de Santiago”, Eco de la revista, Santiago de Compostela, 27-07-1852; ZEPEDANO, A. e NEIRA DE MOSQUERA, A., Relación de la llegada, permanencia y salida de SS. AA. RR. los Serenísimos Duques de Montpensier en Galicia, Santiago de Compostela, 1852; VILLASUSO FERNÁNDEZ, L.M., “Arcos de triunfo efímeros erigidos en la ciudad de A Coruña para los monarcas que la visitaron en la segunda mitad del siglo XIX”, Espacio, Tiempo y Forma, Serie VII, Hª del Arte, t. 20-21, 2007-2008, pp. 267-284.; TAÍN GUZMÁN, M., “Arquitecturas festivas catedralicias: los castillos y fachadas de los fuegos del apóstol Santiago”, SEMATA, nº 22, Universidade de Santiago de Compostela, 2010, pp. 495-518.

Natalia Fraguas Fernández

Conservadora