O dous de maio, un día para o recordo

29/04/2011
Museo de Pontevedra

O 2 de maio de 1808 é un día por todos recordado. Tamén foi un dous de maio outro día célebre na historia de España, conmemorado noutro tempo pero disipado co paso dos anos. Este día, pero de 1866, elevaría definitivamente a figura do mariño galego Casto Méndez Núñez, quen, a bordo da fragata blindada Numancia, mandaba a escuadra do Pacífico no ataque ao célebre porto peruano do Callao, nunha acción inzada de risco e incerteza.

O porto do Callao estaba moi ben defendido por canóns Armstrong e Blackely que disparaban proxectís de 300 e 600 libras, respectivamente (os máis grandes da escuadra atacante eran de 68 libras e só os tiña a Numancia). Ante unha instalación como aquela nunca se tiña enfrontado a unha escuadra.

As fotografías orixinais destas mortíferas armas, tomadas pouco antes do combate, consérvanse no Museo de Pontevedra, onde se expoñen ou gardan diferentes testemuños referentes a Méndez Núñez, a fragata Numancia, a escuadra do Pacífico, o ataque ao porto do Callao, ou a viaxe de regreso do barco blindado español rumbo ás Filipinas. Deste xeito daría a volta ao mundo, sendo o primeiro barco destas características en facelo, tal como lembra a medalla conmemorativa exposta.

Ante o modelo previo á construción definitiva da fragata Numancia, a reconstrución da Cámara, ou a recreación do despacho de Méndez Núñez, poderá recordar o visitante estes acontecementos ou acudir ás instalación da biblioteca para consultar os seus libros ou as fotografías e documentos gardados nos arquivos gráfico e documental.

José Manuel Castaño García

Gabinete Didáctico