Notas compostelás

23/06/2011
Museo de Pontevedra

O 21 de abril de 1211, con asistencia do monarca entón reinante en León e Galicia, Alfonso IX, e do seu fillo, o futuro Fernando III, Pedro Muñiz, arcebispo da sede, procedeu á consagración, a definitiva, da magna catedral de Santiago. É este o acontecemento, do que se cumpriron en datas recentes oitocentos anos, que tanta repercusión mediática está a ter nos últimos tempos, que tantas e tan importantes iniciativas está a propiciar e que, en paralelo, tan erroneamente está a ser interpretado as máis das veces.

En efecto, fronte ao que xeralmente se cre, o que se está conmemorando non é o inicio dunha empresa, os oitocentos anos de vida da actual basílica xacobea, como se recolle con pesada insistencia nos medios de comunicación, senón o aniversario, oito veces secular, dunha cerimonia litúrxica, unha consagración, coa que, no esencial, viñan darse por concluídos os traballos edificatorios e decorativos de tan espectacular templo. Este empezouse moito antes, en 1075 exactamente, tal como proclaman con rotundidade os epígrafes da capela do Salvador, a central da carola, transmisores doutra cerimonia de consagración, esta levada a cabo por Diego Gelmírez, por entón aínda bispo, no ano 1105, e que afectou á totalidade das capelas emprazadas na cabeceira e tamén, excepción feita da do extremo norte, ás situadas no costado oriental do cruceiro.

A consagración que nos nosos días tanto ponderamos ten un alcance moi distinto: supón a culminación dos traballos de construción e ornato da basílica de Santiago, dominados nas décadas previas a esa fastosa cerimonia por un mestre e unha obra: Mateo e o Pórtico da Gloria. Aquel, documentado por vez primeira en Compostela o 23 de febreiro de 1168, día no que Fernando II lle concede unha importante pensión anual vitalicia polo seu labor nas obras catedralicias, asinará ostentosamente o 1 de abril de 1188 os linteis sobre os que se asenta o tímpano situado no tramo central do referido Pórtico da Gloria. Este, unha das empresas culminantes do seu tempo no continente europeo, ofrece hoxe, como consecuencia das reformas sucesivas que sufriu entre os séculos XVI e XVIII, unha imaxe moi distinta da inicial, cando estaba aberto a poñente, non pechado, facendo explícita esa conformación o pensamento apocalíptico que fundamentaba non só o seu programa iconográfico, senón tamén o da totalidade do complexo arquitectónico, o macizo occidental, no que se insería.

Das parcelas remodeladas durante a Idade Moderna consérvanse, tanto no recinto catedralicio como noutros lugares da cidade e de fóra, numerosas pezas, entre elas sete esculturas que en orixe flanqueaban as portas de acceso ao Pórtico propiamente dito desde o exterior do templo. Dous desas obras, representación de Profetas de moi difícil identificación (propuxéronse para elas nomes diversos), exhíbense desde 1957 na planta baixa do Edificio García Flórez do Museo. Foron adquiridas aos Condes de Gimonde o 29 de decembro do ano anterior, 1956. A proximidade das súas formas ás que exhiben as estatuas -columna que poboan o Pórtico da Gloria permite atribuír a súa execución ao mesmo taller que aí traballou ás ordes de Mateo e, á vez, datalas nunha data inmediata á que figura, segundo xa se dixo, nos linteis do seu tímpano: 1 de abril de 1188.

José Carlos Valle Pérez

Director do Museo de Pontevedra