Labrando co arado de pau

11/06/2013
Museo de Pontevedra

Esta fotografía forma parte da exposición Oficios e traballos nas imaxes do pasado que se celebrou dende o sábado 15 de xuño ó domingo 7 de xullo de 2013 no Teleclub San Ildefonso en Troáns, Cuntis. A mostra foi creada polo Museo para formar parte do programa de colaboración desta institución cos concellos da provincia.

LABRANDO CO ARADO DE PAU

Un dos aspectos a destacar nesta imaxe é a presenza, entón habitual, do rapaz colaborando nas tarefas do campo. Aquí chama as vacas, presas cunha única corda con lazadas nos cornos, xunguidas cun xugo de cangas. Toucado cunha gorra posta ó revés, de pantalón longo e chaqueta por enriba da chambra e calzando zocos de coiro con piso de pau de ameneiro, porta unha pequena vara na man dereita e coa esquerda colle a corda. Camiña pola terra aínda sen labrar, por ser máis doado, e olla para atrás como coidando de que a xugada camiñe dereita. Parece sentirse orgulloso de ter dado un paso importante, de terse sometido ó rito iniciático que lle permite ser case un home e colaborar nos traballos e así contribuír a mellorar a economía doméstica.

No extremo oposto, o pai, ou o avó, suxeita o arado pola rabela, calcando nela para mantelo introducido na terra e para conseguir que o rego non se torcese.

O arado usado en Galicia era o chamado romano, de pau, ata ben entrada a segunda metade do século XX, en que se produce a chegada dos de ferro, primeiro dunha ou de dúas rabelas e dunha roda e logo con dúas laterais e sen rabela, máis pesados, que penetran máis na terra, e cun ou dous vesos que voltean a leiba totalmente.

O arado de pau era un apeiro sinxelo e a súa rusticidade e o seu pouco peso non permitían un labrado perfecto, xa que afondaba pouco e facía un suco volteando a terra para ambos lados. As súas pezas son:

--O temón, longo pau redondeado, que por un extremo emboca no temoeiro do xugo, ó que se traba cunha pequena chavella, e polo outro se engancha no arado propiamente dito.

--O dente, ou rostro, parte inferior do arado, que por medio da rella de ferro, plana e de forma triangular, cravada no extremo dianteiro, penetra na terra.

--A rabiza, ou rabela, máis ou menos curvada, que enlaza co rostro, se eleva cara atrás e se vai adelgazando de maneira que poida ser collida cunha soa man para manexar todo o conxunto.

--As abeacas, unha a cada lado, cravadas ó dente á altura da rella e abríndose cara atrás, para unirse entre si por medio do meixelo, que atravesa a rabiza. A súa función era separar as leibas, pero pola súa rixidez a anchura do rego era sempre a mesma. Para facela maior, atábaselle atravesado dun lado a outro polo exterior un monllo de palla colma, co que se desprazaba algo máis a terra.

--A teiroa, pau case vertical que une o dente co temón, que o atravesa por unha fura e ó que se suxeita por medio dunhas cuñas chamadas pescuños, que permiten levantar ou baixar, aínda que non moito, a rella e afondar segundo se desexe.

(Para entender mellor as partes do arado de pau, pode verse o esquema que figura na páxina 195 da obra Etnografía. Cultura material, de Xaquín Lorenzo Fernández, que forma o tomo segundo da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo e publicada en Bos Aires).

José Fuentes Alende