Colección de instrumentos musicais tradicionais galegos do Museo

30/03/2011
museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra conta entre os seus fondos cunha recoñecida colección musical. Un conxunto no que ademais dos fondos documentais e sonoros, teñen especial importancia os instrumentos musicais e de xeito máis concreto os que están vinculados á tradición galega. As gaitas, zanfoñas, pandeiros e pandeiretas sobresaen xunto a outros como as castañolas, os ferriños, os chifres, berimbaos e mesmo aqueles que non responden de xeito directo á manufactura do home - é o caso das cornas e cornetas ou as bucinas-, elementos naturais cuxa adaptación permitiu unha utilidade sonora.

A presenza deste tipo de pezas na nosa entidade remóntase á propia fundación do Museo, pola Deputación Provincial, no ano 1927. Chegaron a nós a través da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, institución creada en 1894 coa intención de salvar da destrución e levantar do esquecemento todos os obxectos que, dentro da provincia, tiveran interese arqueolóxico, histórico e artístico. Entre aqueles, motivado polo propio interese do fundador da Sociedad e primeiro director do Museo D. Casto Sampedro Folgar, encontrábanse unha zanfoña (R º 815), un pandeiro cadrado (R º 814), unha gaita grileira (R º 813), dous chifres (R º 817), uns ferriños (R º 816) e tres cuernas (Rº819-821). Un comezo discreto que se iría enriquecendo cos anos e de xeito constante grazas, fundamentalmente, a compras e doazóns. Así chegaron ata nós os instrumentos que no seu día pertenceron a dúas figuras destacadas no ámbito da nosa música tradicional: Faustino Santalices e Perfecto Feijoo. Ao primeiro achegariámonos a través das zanfonas, un total de sete de orixe diversa nas que sobresaen, polo seu estado de conservación, as procedentes da colección privada de D. Casto Sampedro. Do testemuño de Feijoo quédannos un pandeiro cadrado (R º 4593), unha pandeireta (R º 4594), unha zanfona dedicada a Sampedro (R º 5812) e dúas das súas gaitas, das cales destaca a tumbal con cobertor en veludo vermello e remontas en negro (R º 4591), utilizada de xeito habitual por el para as súas interpretacións.

Natalia Fraguas Fernández

Conservadora do Museo de Pontevedra