Centenario do nacemento de Benjamín Quinteiro Alonso, (1911, Ponteareas –Pontevedra / Madrid, 1936)

30/12/2011
Museo de Pontevedra

Este ano que termina conmemorouse o 50º aniversario da morte do escultor Asorey e o centenario do nacemento dun dos seus discípulos, Benjamín Quinteiro, quen ao contrario que o seu mestre permanece para moitos no anonimato debido á súa prematura morte.

Benjamín aprendeu a tallar o mármore e a pedra no taller de marmorería que o seu pai, Benjamín Quinteiro Martínez, tiña en Ponteareas (Pontevedra) e completou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Santiago, onde foi alumno de Asorey. En 1931, o mesmo ano no que expuxo catro obras no Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveles de Vigo, a Deputación de Pontevedra concedeulle unha pensión para estudar escultura en Madrid, axuda que lle renovaría ó ano seguinte e que lle deu a oportunidade de entrar en contacto coa vangarda, representada polos novos realismos, pola que Benjamín Quinteiro apostou decididamente. Alí foi discípulo de Victorio Macho e admirador da obra de Emiliano Barral e de Pérez Mateos, en cuxo estilo se inspirou para modelar a Lechuza (1933), obra que posúe o Museo de Pontevedra e que formará parte da exposición permanente do Sexto edificio.

En 1934 regresa de Madrid cun estilo plenamente integrado na arte nova e comeza a recibir numerosos encargos, ó mesmo tempo que imparte clases de modelado e debuxo na Escola de Artes e oficios das Neves (Pontevedra), localidade próxima ao seu lugar de nacemento na que contraeu matrimonio con Arxentina López Rodríguez. Ó comezar a Guerra Civil, foi chamado a filas e morreu na fronte de Madrid, truncándose o que prometía ser unha brillante carreira. Entre os proxectos que non puido finalizar está o monumento público Ermitaño, para o que modelara en 1932 un bosquexo que custodia o Museo de Pontevedra, e cuxa obra definitiva, que se atopa en Ponteareas, foi tallada en pedra polo seu irmán o escultor Alfonso Quinteiro, falecido en 2009.

Bibliografía:

CASTRO, X. A. Renovación e avangarda en Galicia (1925 – 1933). Os pensionados da Deputación de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 1986, pp. 238-239.

DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B. “Las pensiones de arte de la Diputación de Pontevedra (1864 – 1933)”, en VALLE PÉREZ, X.C. (Coord.), Os pensionados da Deputación de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 2003, pp. 75-88.

DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B. “Biografías de los artistas pensionados por la Diputación Provincial de Pontevedra (1864 – 1933)”, en VALLE PÉREZ, X.C. (Coord.), Os pensionados da Deputación de Pontevedra, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, 2003. pp. 292-294.

Beatriz De San Ildefonso Rodríguez

Conservadora do Museo de Pontevedra