Centenario do falecemento do debuxante Enrique Campo Sobrino

06/06/2011
Museo de Pontevedra

O 2 de xuño de 1911 falecía aos vinte e un anos, na súa casa familiar da pontevedresa rúa Don Gonzalo, o prometedor debuxante Enrique Campo Sobrino.

Foi un artista moi prolífico do que o Museo de Pontevedra custodia actualmente máis de medio milleiro de debuxos e acuarelas, a maioría deles procedentes da xenerosa doazón realizada pola súa nai e irmáns, en agosto de 1929, así como da Colección Sampedro Folgar. Moitos destes orixinais, nos que destaca a execución minuciosa e detallista, incorporáronse tamén cos fondos provenientes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, precedente directo do noso Museo. Precisamente, a acta necrolóxica do artista, datada o 2 de agosto de 1911, é a última lida nunha xunta da Sociedad, constituíndo un símbolo do que a súa falta significou para esta.

Enrique Campo Sobrino nacera en Pontevedra o 21 de setembro de 1890. Pertencente a unha familia acomodada de fondas vinculacións intelectuais e artísticas na que destacan, entre outras, as figuras do seu irmán, o escultor Fernando Campo Sobrino (1886-1955), o seu primo Carlos Sobrino Buhigas (1885-1978), e o seu tío, o famoso pianista Carlos Sobrino Rivas (1861-1927). Desde neno mostra unhas excepcionais aptitudes para o debuxo, as cales serán animadas nun primeiro momento pola pintora pontevedresa Carmen Babiano Méndez Núñez (1852-1914) e, posteriormente, por Federico Alcoverro López (1879-1916), Catedrático de Debuxo no Instituto da súa cidade natal desde 1903.

A súa curta biografía estará marcada pola súa vinculación á Sociedad Arqueológica de Pontevedra, onde se inicia na práctica do debuxo arqueolóxico, faceta que será fundamental na súa produción artística. Como debuxante oficial da Sociedad Arqueológica, da que fora nomeado Socio de Mérito o 31 de decembro de 1906, realizou centos de minuciosos debuxos e apuntamentos de petróglifos, aras, edificios singulares, escudos, monumentos, etc. Esta colaboración foi especialmente intensa durante o ano 1909 ao ser nomeado Delegado da Sección Arqueolóxica da Exposición Regional de Santiago para a que, acompañado do gravador e acibecheiro compostelán Enrique Mayer Castro (1861-1931), realiza unha viaxe durante a que efectúa unha ampla catalogación gráfica dos monumentos da provincia de Pontevedra.

En outubro de 1909 trasládase a Madrid onde alterna un traballo burocrático na Compañía de Tabacos cos seus estudos artísticos. En decembro dese ano, durante un dos habituais paseos que aproveita para debuxar nos arredores da cidade, descobre preto da Ponte dos Franceses, na Bombilla, unha ara romana (que hoxe custodia o Museo Arqueolóxico Nacional), a primeira achada ata entón na capital, e tras realizar un preciso debuxo da peza e tomar apuntamentos da inscrición, dá conta do achado a José Ramón Mélida e Alinari (1856-1933). Este acontecemento abriralle as portas dos círculos eruditos madrileños e suporá o seu nomeamento, o 5 de febreiro de 1910, como Correspondente da Real Académica da Historia. Meses despois comeza a padecer os síntomas dunha irreversible enfermidade que o leva á tumba frustrando unha prometedora carreira.

Bibliografía

FILGUEIRA VALVERDE, J., “Dibujos del Museo. El recorrido arqueológico de Mayer y Enrique Campo en 1909” en El Museo de Pontevedra, t. III. Pontevedra, 1944, pp. 157-171; FILGUEIRA VALVERDE, J., “Don Casto Sampedro y su Sociedad Arqueológica” en El Museo de Pontevedra, t. V. Pontevedra, 1948, pp. 16-67; Enrique Campo y sus precedentes, Pontevedra. Museo de Pontevedra, 1988; Enrique Campo, Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra, 1989; Os debuxantes da “Sociedad Arqueológica de Pontevedra”, Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra, 1995; VALLE PÉREZ, J.C., “El contexto intelectual pontevedrés” en Cancionero musical de Galicia, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2007, pp. 19-48.

Mª Ángeles Tilve Jar

Conservadora do Museo de Pontevedra