Álbum Estampas de Galicia de Ksado

12/05/2011
Museo de Pontevedra

Cúmprense 75 anos da primeira edición do álbum Estampas de Galicia, obra destacable do legado fotográfico de Luis Casado Fernández, máis coñecido como Luis Ksado (Ávila 1888-Ourense 1972). No Museo de Pontevedra consérvanse dous exemplares do álbum, aínda que desgraciadamente incompletos (Rº: G/3783 e Rº PAGB 34), ademais dalgunhas fotografías orixinais que foron utilizadas na que foi considerada a súa obra fundamental.

Estampas de Galicia foi un proxecto fotográfico que viu a luz en 1936, pero que fora proxectado anos atrás e para o cal Ksado fixo unha selección de 405 imaxes de vistas, paisaxes e monumentos de Galicia, moitas delas inéditas ata a data que son presentadas en formato de cromos. A pretensión desta iniciativa, como explica o mesmo fotógrafo no prólogo á edición, era ofrecer “cun alarde de riqueza fotográfica, as belezas urbanas, panorámicas, costumistas e monumentais de Galicia”. O Álbum foi concibido e editado co obxectivo de ser un dos máis eficaces imáns para atraer o turismo cara a Galicia. Con este proxecto, do que se editaron 10.000 exemplares alcanzando difusión en España e América, Ksado móstrase continuador dunha tradición enraizada no século XIX da fotografía como vehículo de documentación xeográfica, histórica e artística, cargada ademais dun profundo sentido romántico e emotivo, sen esquecer por iso o compoñente comercial e propagandístico. Trátase dunha procura dos acenos de identidade de Galicia pero fóra da perspectiva do local e costumista, cun tratamento máis idealizado, plástico e pictorialista.

Entre as fotos orixinais conservadas no museo atópanse interesantes vistas, como as do Mosteiro de Sobrado dos Monxes antes de que fose restaurado; a Casa da Matanza en Padrón, actualmente Casa Museo de Rosalía de Castro, onde a poetisa e novelista viviu e escribiu as súas obras máis coñecidas e unha interesante vista da Colexiata de Santa María de Iría Flavia en Padrón que ofrece a imaxe da contorna antes das escavacións da necrópole romana xunto á igrexa. Mención especial merecen as imaxes do Pazo de Gelmírez, que xa foran incluídas en 1917 no Álbum de Gelmírez que Ksado realizara como presente á Infanta Isabel de Borbón e que se conserva actualmente no Museo de Pontevedra.

Diana Dúo Rámila

Bolseira do Arquivo Gráfico