A Real Provisión sobre o escudo do pazo de Mugartegui

19/05/2011
Museo de Pontevedra

Nunha das prazas máis emblemáticas da zona antiga de Pontevedra levántase o Pazo de Mugartegui no lugar que xa por entón se coñecía como A Pedreira. O edificio mandouno levantar a cimentis sobre as ruínas dunha vella casa, José Manuel Valladares e Figueroa, herdeiro do morgado e casa de Quintáns (San Esteban de Noalla), ao mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, veciño de Muimenta. As obras concluíronse en 1771, deixando na fachada do edificio un espazo destinado á colocación do escudo de armas da familia. Foi este elemento o detonante dun proceso xudicial que rematou coa emisión dunha real provisión de 1773 que se custodia no fondo Museo (fondo Mugartegui) e que conta os pormenores da súa historia.

O feito é que o escudo fose encargado a un mestre de Pobra do Deán e tróuxose por mar ata a vila. Tería as mesmas armas que figuraban na casa de Noalla e na capela de Nosa Señora a Blanca da basílica de Santa María de Pontevedra. Os entón procuradores síndicos de Pontevedra, Manuel Mosquera e Aranda e Manuel López Gil, que vixiaban os intereses e obrigas da comunidade, denunciaron que o citado José Manuel Valladares non tiña dereito a facer uso desas armas. Nun primeiro momento concedeuse permiso para a colocación da labra, levantando moita curiosidade por parte dos veciños posto que era, e segue sendo, un dos escudos máis suntuosos da cidade. Pero os procuradores seguiron denunciando a súa ilexitimidade, ante o cal o dono do pazo tivo que demostrar a súa fidalguía por medio da presentación, entre outros documentos, de executorias de nobreza dos seus antecesores Leonardo Valladares Araujo (1637) e Juan Ignacio Valladares Somoza e Pradodeneira (1703). A sentenza definitiva recoñeceu efectivamente a condición de nobreza de José Manuel Valladares e evitou que se desmontase o escudo e fose depositado nas dependencias do Concello indefinidamente, tal como pretendían os citados procuradores.

Mª Jesús Fortes Alén

Arquiveira do Museo de Pontevedra