A expulsión dos Xesuítas de Pontevedra a través dos fondos bibliográficos do Museo

29/07/2014
Museo de Pontevedra

Neste artigo, complementario da exposición De templo xesuíta a parroquial de San Bartolomeu amósanse as publicacións máis representativas que se conservan no Museo relativas á expulsión da Compañía de Xesús de Pontevedra durante o reinado de Carlos III, quen o 27 de febreiro de 1767 asina a Pragmática Sanción que “extraña a los jesuitas de todos sus reinos”.

Faise unha referencia especial a aquelas que están máis relacionadas cos escritores e xesuítas vinculados á cidade de Pontevedra onde, na segunda metade do século XVII, a Orde tiña fundado un colexio e iniciara a construción da súa igrexa que se consagraría en 1714.

Entre os fondos bibliográficos que se destacan cabe mencionar a Pragmática de Carlos III promulgada o 1 e o 3 de abril do mesmo ano, pola que se expulsa ós Xesuítas de España e as súas posesións.

As obras dos xesuítas P. Isla e Padre Amoedo Carballo, o primeiro autor de Fray Gerundio de Campazas, obra que acadou gran éxito editorial e foi denunciada cinco veces en seis meses á Inquisición que prohibe a súa impresión por criticar a linguaxe empregada nos sermóns polas ordes relixiosas e que en especial os dominicos non souberon encaixar.

O segundo pola súa obra Carmen Patrium sive Pontevedra , escrita no exilio de Bolonia, na que fai unha loa á súa cidade e que outro pontevedrés, Xoán Manuel Pintos, un século despois, traduce de forma libre ó galego.

O relato de Claudio González Zúñiga, considerado un dos pontevedreses máis cultos do momento, que naceu en 1784, pouco despois da expulsión, e que coñeceu por relatos directos o que ocorreu en Pontevedra.

Unha Real Provisión de Carlos III, prohibindo entrada de escritos en España en defensa da Compañía.

Unha Real Cédula de 1797, pola que se crea a superintendencia xeral de Temporalidades para España e illas adxacentes. Isto é, a xestión de todas as propiedades e rendas eclesiásticas que posuían os xesuítas.

Un Memorial redactado por ex-xesuítas, publicado en Santiago en 1812, no que se explican as razóns polas que a Compañía debe ser restaurada e se solicita a creación dun tribunal co que se faga xustiza.

Tamén se amosa o mellor estudo de conxunto realizado ata o momento sobre os xesuítas galegos, da man do Padre Rivera Vázquez e a primeira edición, impresa en 1977, do Dictamen que en 1766 emite o fiscal Rodríguez Campomanes e que é a base xurídica na que se vai sustentar todo o proceso de extinción da Compañía.

Ver artigo completo

Ana Barbazán Iglesias