Obradoiro de subtitulado emocional: son as emocións da arte aínda universais?

Xoves 11 de xuño de 2026, de 16:00 a 20:00 h, no Edificio Castelao

Obradoiro de subtitulado emocional: son as emocións da arte aínda universais?

Algunha vez te preguntaches se o que sentía un artista hai séculos é o mesmo que percibimos nós hoxe? A arte é unha ponte entre culturas e épocas, pero somos aínda capaces de ler os xestos e as emocións nas obras históricas?

Este obradoiro forma parte dun proxecto de ciencia cidadá que explora se as emocións presentes nas obras de arte históricas seguen sendo comprensibles hoxe en día. Non buscamos persoas expertas, senón curiosas que queiran axudarnos a descifrar a "alma" das obras do Museo de Pontevedra.

Obradoiro aberto a persoas adultas e menores a partir de 16 anos.

Inscrición: reservas.museo@depo.gal

Organiza: Universidade de Santiago de Compostela e Museo de Pontevedra

Este obradoiro forma parte de AntCom – From Antiquity to Community, un proxecto financiado pola Unión Europea no marco da acción de Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie (Número de subvención 101073543). https://antcom.eu/antcom/ .

En que consiste o obradoiro?

Será un percorrido participativo deseñado para observar, reflexionar e crear en común:

  • Claves para mirar. Unha breve introdución sobre como a arte utiliza xestos, cores e composición para transmitir emocións.
  • Exploración guiada. Un percorrido por unha selección de obras do museo para deixarte levar polas sensacións e tomar notas persoais.
  • Mesa redonda. Posta en común de percepcións: que sentimos?, coincidimos?, que cambia segundo cada persoa?
  • Pausa café
  • Creación de "etiquetas emocionais".  Co acompañamento e a orientación de profesionais do museo, coñeceremos como se elaboran os textos interpretativos no ámbito museístico e, a partir diso, redactaremos xuntos novas "etiquetas emocionais" centradas na experiencia e a emoción.

Responsables: Serena Cuomo e Rosa Rodríguez (USC) e Paula Tilve (Museo de Pontevedra).