Arquivo gráfico - Museo de Pontevedra
Arquivo Gráfico
O Arquivo Gráfico nace canda o propio Museo. Ten a súa orixe no material gráfico que a Sociedad Arqueológica recompilara desde a súa creación en 1894 e que depositou no Museo tras a súa fundación en 1927.
O incremento dos seus fondos será desde entón continuo e constante. Desenvolveuse coa participación do Museo na Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza na década de 1970, ou co Inventario de los Bienes Muebles de la Iglesia Católica en Galicia xa a finais do século XX. Outras vías de incorporación de fondos gráficos son as doazóns, depósitos e adquisicións.
No Arquivo Gráfico custodiánse imaxes desde a década dos sesenta do século XIX ata a actualidade, realizadas nos máis diversos formatos e técnicas como o daquerrotipo, o ambrotipo e ferrotipo, aos que se engaden outros procedementos fotográficos que se foron desenvolvendo ao longo do tempo como as albúminas, os planotipos, cianotipos, carbóns, autocromos,… Conserva tamén negativos e placas de cristal ou acetato e álbums, ademais dunha serie de obxectos relacionados coa actividade.
A nómina de fotógrafos presentes na colección é ampla. A longa relación de nomes que marcas os retratos en formato carte de visite de mediados do XIX como Disderi, Antonio da Fonseca, Fredricks e Daries, Alviach, Alonso Martínez ou Pica-Groom, hai que engadir aos profesionais que ao longo da historia traballaron en Galicia como Ramón Buch, Bocconi, Prósperi, Palmeiro, Francisco Zagala, Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Pacheco, Ksado ou José Suárez. Sumaríanse tamén afeccionados como Julio Fernández de los Ríos, José Bellver ou Corona González y Santos e os que practicaban fotografía con carácter máis artístico, entre os que destacaremos a Manuel Buch, Juan Manuel Castuera, Vari Caramés, Xulio Gil e Tino Martínez .
Á marxe da fotografía, esta rama do arquivo xestiona tamén outros materiais gráficos como as películas, entre as que destacaremos Miss Ledya, obra realizada por José Gil en 1916 e cuxo orixinal ten depositado o Museo na Filmoteca Española, vídeos en diferentes formatos e soportes, carteis, tarxetas postais, láminas de temática diversa e coleccións de ephemera (cromos, estampas, recordatorios, calendarios,…)