Día do libro

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, o Edificio Castelao albergará, o vindeiro sábado 23 de abril, un obradoiro de elaboración de exlibris destinado ao público adulto. Utilizando a técnica dos tipos móbiles, as persoas participantes reproducirán algúns exemplos destes selos combinando tipografías de chumbo, ornamentos e imaxes, tal e como se producían nas imprentas antigas, ademais de crear o seu propio exlibris gravado con linóleo. Esta actividade desenvolverase de 17:00 a 19:00 h e será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

12/04/2022

Á súa vez, ao longo de toda a xornada permanecerá situada na planta cero do Edificio Castelao unha recreación da obra ‘Pyramid’, do artista recentemente falecido Dan Graham, ubicada na Illa das Esculturas de Pontevedra. Para iso empregarase unha selección dos diferentes catálogos de exposicións e material divulgativo editado polo departamento de Publicacións. Esta instalación efémera estará complementada por columnas de distintos exemplares cos que se obsequiará ese día a todas e todos os visitantes que se acheguen ao museo para ver a colección permanente ou algunha das mostras temporais abertas neste momento.