We Must Take Action!
O Museo de Pontevedra convértese nunha das sedes descentralizadas da XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira. A directora artística da bienal, Helena Mendes Pereira, seleccionou 15 artistas de Portugal e Brasil de diferentes xeracións e plasticidades, que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecibles que agocha.
A mostra reúne obra de artistas de referencia na arte portuguesa como Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal ou Mafalda Santos, xunto con creadoras e creadores lusos de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina: Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno. Brasil está presente coa obra de Jayme Reis e Zélia Mendonça. A selección complétase con dúas obras que forman parte da homenaxe que a bienal dedica a Helena Almeida, da man de Ana Monteiro e Maria Cunha.