Señora con sombreiro

Señora con sombreiro é un dos cadros que Manuel Torres realiza nos seus inicios como pintor e un dos óleos que compuxo en 1931 durante a súa estancia en París, cidade á que acudira ese ano mercé a unha bolsa de estudos concedida pola Deputación de Pontevedra. É na capital francesa onde coñece a arte das vangardas.

A diferenza das representacións de mulleres rurais que protagonizarían outro cadros seus e doutros artistas do movemento renovador galego, Manuel Torres prefire neste óleo mostrar a unha muller de ambiente urbano, un tema afastado das escenas mariñeiras e campesiñas que constitúen o motivo principal da maioría dos seus cadros. Pero do mesmo xeito ca neles, nesta obra percíbense os valores táctiles e escultóricos propios da súa produción.   
Predominan as formas redondeadas, de gran plasticidade, remarcadas por grosas liñas de contorno.

A capa pictórica presenta un aspecto pétreo que a achega á tradición do traballo en granito do románico, do barroco ou dos canteiros populares.

Manuel Torres Martínez (1901-1995) compaxinou ao longo da súa vida a súa profesión de mestre coas facetas de debuxante e pintor. Como ilustrador gráfico colaboraría coas súas viñetas en xornais como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, El Sol ou La Libertad. No campo pictórico as súas obras caracterízanse polos seus volumes sólidos, as formas bastas e escultóricas e as texturas ásperas e rugosas propias do granito.

Contou con pensións de estudo da Deputación de Pontevedra en 1927 e 1930.

A súa faceta artística está moi ben representada na colección do Museo que conta con máis de corenta óleos, principalmente da súa etapa creativa previa á guerra civil e da posterior á súa xubilación como docente en 1967, momento na que volve desenvolver unha grande actividade. Tamén posúe diversos exemplos do traballo con outras técnicas como debuxos, acuarelas, gravados e mesmo esculturas.

Ficha Técnica

Título
Señora con sombreiro

Autor
Mauel Torres Martínez

Data
1931

Técnica
Óleo

Soporte
Cartón

Dimensións
65 x 52 cm

Inventario
010806

Localización
Edificio Castelao, planta 3, sala 2.

Saber más

Exponse no Edificio Castelao no que tamén se exhiben, entre outras, as obras de Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Eiroa, Fernández-Mazas, Laxeiro e Luís Seoane, artistas que xunto a el constituíron o movemento renovador da arte galega polo que pasarían a ser coñecidos como “Os Novos”. Arredor de 1930 estes mozos creadores, seguindo as preocupacións estéticas da súa época e formulacións universalistas, quixeron realizar unha arte propiamente galega cunha linguaxe de vangarda que supuxese unha ruptura co que ata entón se estaba a facer en Galicia. A súa obra enmárcase dentro das correntes artísticas europeas que propoñían un retorno á orde.