Profetas do Pórtico da Gloria
Estas dúas esculturas estiveron orixinalmente, sen dúbida, pegadas ás xambas da fachada exterior do Pórtico da Gloria, na catedral compostelá. Tras as obras que sufriu esta portada en 1520, os dous altorrelevos pasaron a mans privadas. O Museo de Pontevedra comprounas en 1956 aos Condes de Ximonde, converténdose en dúas das súas pezas icónicas.
As similitudes formais coas obras do Mestre Mateo fan incuestionable a súa orixe e autoría, vencelladas a algún dos mellores artífices do seu taller: o volume, a disposición das pernas, o tratamento anatómico ou a fisionomía da barba e a cabeleira, son unha mostra dilo.
Aínda que a identificación dos personaxes é complexa e discutida, pola súa caracterización relaciónanse con profetas do Antigo Testamento, de aí que se mostren anciáns, meditativos, luzan longos cabelos e poboadas barbas, vistan túnicas e porten báculo en Tau e rolos de pergamiño.
O Pórtico da Gloria foi en orixe unha estancia sen portas aberta ao oeste, en consonancia co texto da Apocalipse no que se inspirou o programa iconográfico de todo o conxunto. Por iso, a súa imaxe actual é incompleta e moi diferente debido ás intervencións que sufriu ao longo do tempo.
Os tres arcos exteriores pecháronse con portas a partir de 1520 segundo as directrices de Martín de Blas e Guillén Colás, provocando a desaparición ou nova disposición de varias das pezas. Hoxe temos constancia de sete delas: consérvanse dúas na Catedral, tres pertencen a coleccións privadas e estas dúas do Museo de Pontevedra.
Ficha Técnica
Saber más
Xunto a outras pezas medievais de interese, o Museo custodia, ademais dos Profetas, algunhas obras que reflicten o impacto que as novidades do taller do Mestre Mateo, na Catedral de Santiago, tiveron na arte galega do seu tempo, ben grazas ao traballo dos seus colaboradores ou ao dos seguidores e imitadores dos seu estilo.
É o caso dos capiteis de San Pedro de Fóra (Santiago, ca. 1200), a imaxe de San Pedro de Santiago de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra, ca. 1220-1230) e das doelas da portada de San Domingos de Bonaval (Santiago, ca. 1240).