Galiza Nai e Señora
Galiza Nai e Señora é unha das obras máis representativas da etapa creativa do escultor Uxío Souto Campos anterior á Guerra Civil española. Realízaa cando ten só 21 anos e aínda non comezou os estudos na Academia de Belas Artes.
Nela representa a Galicia como unha druidesa de rostro idealizado realizando unha invocación ante un altar de pedra, co corpo semiespido e coroa de edras da que colga un veo que cae ata os pés.
Coñecida tamén como “Druidesa”, esta talla, parcialmente policromada, é unha das obras que definen o estilo expresionista primitivista do seu creador e das que mostran a súa gran capacidade técnica para o traballo da madeira que se manifestou desde a súa infancia. Os trazos propios da talla están matizados pola cor que proporciona un aspecto distinto a cada parte da peza.
O tema está baseado nos mitos do celtismo aos que acoden, buscando unha identidade propia e diferencial para Galicia, algúns escritores e artistas do momento.
O texto gravado baixo o altar está inspirado nuns versos do poema “Galicia” que en 1917 publicara Ramón Cabanillas: “¡Galicia! Nai e Señora, / sempre garimosa e forte; / preto e lexos; onte, agora, / mañán… na vida e na morte!”.
Uxío Souto Campos (Cuntis, 1905 – Cidade de México, 1990) Nacido en Cuntis en xullo de 1905, desde neno mostrou unhas calidades especiais para o debuxo e a talla, comezando aos catorce anos a traballar como aprendiz e máis tarde xa como oficial en dous talleres de imaxinería de Santiago de Compostela, combinando esta aprendizaxe práctica cos estudos na Escola de Artes e Oficios, onde destacaría.
En 1927 consegue unha pensión artística da Deputación de Pontevedra que se prolongaría por tres anos para estudar en Madrid na Academia de Belas Artes de San Fernando. En 1931 gozaría da bolsa de viaxe para a ampliación de estudos no estranxeiro, outorgada tamén pola institución pontevedresa.
Ao mesmo tempo que estudaba escultura cursou a carreira de profesor de debuxo compatibilizando a partir de 1933 o traballo escultórico coa súa faceta como docente.
O comezo da Guerra Civil española sorpréndeo en Madrid onde estaba de viaxe. Logo trasladaríase a Cataluña exercendo como profesor ata 1939, ano no que, como consecuencia da contenda, cruza os Pirineos cara a Francia e é acollido nun campo de refuxiados. Alí plasmaría, en debuxos e retratos, as duras circunstancias que estaba a vivir.
Ese mesmo ano consegue exiliarse en México onde permanecerá ata a súa morte.
Ficha Técnica
Saber más
Exponse esta talla, tan admirada pola prensa da súa época, no Edificio Castelao, á beira de dúas obras moi significativas que realizou dous anos despois, como Que volva (1928) ou Adversidade e morte (1928), e parte das creadas durante o seu exilio en México, onde casa con María Aliseda Olivares, tamén exiliada, e exercería como profesor de debuxo e modelado. Alí diversifica os materiais cos que traballa: escaiola, bronce, madeira, pórfiro negro ou mármore.
En total conta o Museo con catorce esculturas de vulto redondo e diversos relevos ás que hai que engadir os seus traballos como debuxante e, dun modo especial, os debuxo realizados en 1939 durante a súa estancia nun campo de refuxiados en Francia.
En 1993, tres anos despois da súa morte, o Museo organizou unha exposición antolóxica coa que quixo recoñecer o seu traballo creativo.