Estela de Vilar de Sarria

A estela funeraria de Vilar de Sarria que se expón no Edificio Sarmiento é unha das máis de vinte e cinco estelas funerarias galaico-romanas que conserva o Museo, levantadas para lembrar ás persoas falecidas.

Trátase dunha peza sen inscrición tallada por dúas caras. Na frontal móstranse os defuntos, unha parella de figuras togadas, posiblemente marido e muller, cuxos rostros se conservan moi deteriorados.

No reverso represéntase un barco navegando a vela con catro persoas a bordo, un aguia e un golfiño. Estes dous últimos elementos teñen sobre todo un carácter simbólico que alude ao mundo dos mortos. O barco posiblemente faga referencia ao medio para trasladar os defuntos ao Alén, aínda que por tratarse dunha nave de carga de pequeno tamaño tamén se pensou que podería facer alusión á profesión do defunto, talvez mariño ou comerciante.

A diferenza do resto das estelas conservados na nosa colección e da gran maioría das atopadas en Galicia, que mostran unhas formas esquemáticas e moi planas, este exemplar é un exemplo dunha arte culta realizada por encargo nun ambiente provincial.

Esta peza, fragmentada en tres partes, achouse de forma casual en 1923 fronte á igrexa lucense de Vilar de Sarria, xunto con dous fustes de columnas, dúas pedras de muíño, ladrillos e unha sepultura de lousa.

Non se trata dun exemplar illado, pois na mesma zona próxima a Lugo documentáronse outros dous similares, en Atán (Pantón) e en Adai (Lugo), que poderían ser obra do mesmo taller. Todas elas compoñen un conxunto excepcional por tratarse de estelas que non presentan inscrición ou epígrafe algún.

Ficha Técnica

Título
Estela de Vilar de Sarria

Época
Galaico-romana

Data
S. II-III

Técnica
Talla

Soporte
Granito

Dimensións
77 x 60 x 12 cm

Inventario
001780,bis

Localización
Edificio Sarmiento

Saber más

Moitas das estelas funerarias que conserva o Museo están enteiras mostrando os diferentes elementos simbólicos ou decorativos, como o crecente lunar, as arquerías, ou nalgún caso a representación esquemática da figura humana. Outras conservan só algunha das súas partes, entre estas en certos casos só as inscricións ou fragmentos das mesmas. Xeralmente estas inscricións comezan cunha invocación aos Deuses Manes.

Enriquece este conxunto epigráfico a colección de quince miliarios e un número aínda maior de aras votivas.

De todo este elenco exponse unha representación na sala de arqueoloxía galaico-romana do Edificio Sarmiento.