Obradoiro en familia ‘Carmen Domínguez. Creando arte sostible’
Mércores 21 e xoves 22 de 17:00 a 18:30 h no Edificio Castelao
Edificio Castelao
O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro familiar a partir da obra de Carmen Domínguez, a quen se lle dedica a exposición temporal ‘Cor, sempre cor’. Os nenos e nenas participantes, xunto cos adultos ou adultas que os acompañen, crearán a súa propia obra de arte inspirada na natureza e empregando materiais orgánicos e téxtiles reutilizados.
O obradoiro está dirixido a familias con nenas e nenos a partir de 6 anos, que terán que estar acompañados de unha ou dúas persoas adultas. Desenvolverase no Edificio Castelao e terá unha duración de tres horas, repartidas en dúas sesións: o mércores 21 e o xoves 22 de xuño, de 17:00 a 18:30 horas. A inscrición pode facerse a partir do xoves 15 de xuño ás 8:00 horas a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal, achegando os seguintes datos: nome e apelidos, idade e teléfono.
O obradoiro arrancará cunha presentación breve de Carmen Domínguez e a súa obra, resaltando o enfoque cara á sustentabilidade e a natureza da súa última etapa artística. Nesta etapa, reflectida na mostra do Museo, Domínguez prestou a atención a elementos naturais como árbores e bosques, cunha gran preocupación por reflectir a luz. Nesas obras introduce nos cadros materiais diversos, en ocasións recollidos na propia natureza. Para a realización do obradoiro, o Museo contará con materiais provenientes do taller da artista, que foron cedidos polo seu fillo, Kike Ortega, comisario da exposición.
Logo da introdución, exploraranse diferentes materiais sustentables que poden ser empregados nas creacións artísticas, como paus, madeira, cinzas e teas. Con estes recursos, xunto a materiais de debuxo e pintura, as familias crearán as súas propias obras de arte. A reflexión final tratará de conectar a actividade cos obxectivos de desenvolvemento sostible que se queren promover con este obradoiro: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía alcanzable e non contaminante.