Obradoiro de arte urbana: Urco e paste up

Os sábados 11, 18 e 25 de febreiro, dirixido a mozas e mozos a partir de 9 anos

Obradoiro Entroido

O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de arte urbana que abre as portas do entroido: mozos e mozas a partir de 9 anos experimentarán coa técnica do paste up durante tres sábados, os días 11, 18 e 25 de febreiro de 11 a 13:30 horas. O obradoiro conta con 12 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a reservas.museo@depo.gal a partir do mércores 8 de febreiro ás 8 da mañá.

O obradoiro céntrase na figura do Urco, personaxe do entroido pontevedrés que un grupo de intelectuais da cidade reinventou en 1876. Dese ano data a publicación ‘Reinado y muerte del Urco’, que recompila textos en prosa e en verso do entroido dese ano con este personaxe como protagonista.

Este documento será o punto de partida deste taller singular impartido polo ‘Comité Secreto de Muros y Vallas’. O obxectivo é traer o Urco ao día de hoxe achegándoo á xente máis nova. O obradoiro desenvolverase no Edificio Castelao, con incursións a outros lugares da cidade.

A técnica que coñecerán e coa que traballarán os mozos e mozas participantes é a do paste up. Esta técnica da arte urbana consiste en debuxar sobre papel de gran tamaño con rotuladores acrílicos, recortar as ilustracións elaboradas e pegalas. O obradoiro vén precedido de anuncios da chegada do Urco que estes días se poden ver nalgúns puntos da cidade e na conta de Twitter https://twitter.com/RogelioLois.