Celso Fernández Sanmartín: Dicir ‘A era das fábulas’
Venres 20 de setembro, ás 19:00 h no Edificio Castelao
O narrador oral Celso Fernández Sanmartín presenta ‘Dicir “A era das fábulas”, é coma dicir desde o principio dos tempos”. A partir da exposición que acolle o Museo, trazará vinculacións con historias e contos da tradición oral. Acceso libre ata completar capacidade.
As sociedades cunha cultura oral e en contacto directo coa natureza saben que os animais falan. Nós somos herdeiros desas sociedades, por iso temos recordos e ecos, e sentímonos animais que falamos. Toda cultura garda na súa historia capas de sentido, e buscamos estilos de vida que ademais de agradarnos, nos convenzan. Iso é o sentido, e iso é o que a arte fai, buscar o sentido máis alá da razón, por iso ser artista é seguir un instinto.
Miña avoa Carmen Guerra González, cando vía un documental de animais doutros continentes, dicía: “E ese bicho, cómese?”. Tamén vimos da fame, da metáfora, dos tremores de terra, das invernías, as tormentas e os agostos, da presunción e da humildade. Somos bichos. Ningún bicho é insignificante. Por iso seguimos na era das fábulas.
Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) estudou Filosofía en Santiago de Compostela. Desenvolveu un intenso traballo asociativo e tamén como animador sociocultural con persoas maiores. Defínese como horticultor e “colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral”. Como poeta publicou varios libros, entre eles A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez (2018) e A cousa eterna (2023). Como narrador oral levou as súas historias por toda Galicia e no exterior. En 2022 recibiu o Premio Rebulir da Cultura Galega.