Biblioteca - Museo de Pontevedra
BIBLIOTECA
O lote fundacional de 108 libros procedentes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra foi o inicio da biblioteca do Museo, que naceu, coma este, no ano 1927.
Trátase dunha biblioteca especializada que posúe literatura exhaustiva sobre un grupo de temas concretos: arte —con mención especial á figura de Goya—, arqueoloxía, historia e disciplinas derivadas. Cabe destacar o fondo galego, de grande importancia xa que durante varias décadas este centro adquiría as publicacións que recollía a Bibliografía de Galicia, onde se referenciaban todas as producións bibliográficas creadas en Galicia, as editadas en galego, con temática galega ou de autoría de persoas con orixe nesta comunidade autónoma, ata a instauración, nos anos 90 do Centro Bibliográfico Superior de Galicia que tomou o relevo nesta función.
Ao longo do tempo foi enriquecéndose con importantes achegas feitas por diversos benfeitores que escolleron o Museo de Pontevedra como destino para albergar as súas bibliotecas e poñelas a disposición do público, entre as que cabe destacar, das moitas que posúe as de Casto Sampedro Folgar e o seu fillo Sampedro y Mon que reúnen unha interesante bibliografía sobre música e edicións raras de autoría ou tema galegos; a de Francisco Javier Sánchez Cantón que reúne arredor de 15.000 monografías e numeroso boletíns; a de Alfonso D. Rodríguez Castelao, na que atopamos representación de intelectuais galegos anteriores á Guerra Civil ademáis de revistas ilustradas estranxeiras; a do polígrafo e ex director do Museo José Filgueira Valverde que xunto coas obras de referencia sobre arte ten unha sección de literatura, especialmente galaico-portuguesa; o fondo Baltar, con impresos sobre a Guerra de Independencia e temas políticos do século XIX; a de José Casal y Lois fundamental para o estudo da historia local; a de Víctor Said Armesto, especializada en literatura de finais do século XIX e inicios do XX e temas filosóficos; os materiais achegados por Sebastián González García-Paz e o fondo CAA. Súmase tamén a biblioteca de Antonio Odriozola, quen fora padrón bibliotecario do Museo, con milleiros de monografías, folletos e revistas entre os que destacan temas como os estudos de libros litúrxicos, micoloxía, camelias, gastronomía, música ou literatura.
Actualmente o fondo bibliográfico do Museo supera os 150.000 rexistros bibliográficos xunto cunha hemeroteca de arredor de 5.000 cabeceiras de revistas e xornais, unha cartoteca que supera os 500 mapas e planos, unha sección de literatura gris, etcétera, que segue a medrar a través de novas doazóns e, por suposto, das adquisicións por compra, subscrición ou intercambio.