Visita virtual

Explora o Museo de Pontevedra e as súas coleccións a través dunha innovadora e suxestiva experiencia virtual que integra a dixitalización de espazos e obras en súper-alta resolución, o storytelling e a interactividade.

A través de varios niveis de alcance podes elixir o grao de afondamento que máis se adecúe aos teus intereses persoais:

  • Un circuíto de benvida presenta brevemente as claves principais desta experiencia virtual e prepara a exploración libre de todas as salas e coleccións do Museo en 360º en resolución xigapíxel, incluíndo sesenta e dúas obras esenciais da colección con contido adicional.
  • Sete itinerarios temáticos guiados e interactivos, que podes realizar de forma autónoma, a calquera hora e desde calquera lugar do mundo, permitiranche explorar novas narrativas e formas diferentes de ver a colección.

Tamén é posible participar en visitas guiadas interactivas conducidas polos nosos educadores en tempo real con grupos situados en diferentes lugares do mundo, algo que, para o Museo de Pontevedra, que conta cunha obra singular ligada ao exilio e á emigración, se converte nun instrumento fundamental para garantir a permanencia da memoria e consolidar os vínculos e afectos con esas comunidades.

Itinerarios temáticos

  • O Museo en quince obras

    Percorrido xeral pola colección do Museo a través dunha selección de obras de gran relevancia que abarcan desde a Prehistoria ata o século XX, co predominio da arte galega pero tamén cunha serie de lenzos representativos da colección de arte española.

  • Nas salas de Arqueoloxía

    Viaxe ás nosas raíces, desde a Prehistoria ata a romanización do noroeste peninsular, a través de once pezas relevantes da sección arqueolóxica do Museo de Pontevedra, entre as que se atopan o Tesouro de Caldas de Reis ou a estela de Vilar de Sarria.

  • A Arte galega do Medievo a Castelao

    Percorrido por once obras senlleiras da arte galega que arranca na Idade Media e remata na obra dunha das figuras principais da historia e da arte galega do século XX, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

  • Renovación e vangarda na arte galega do século XX

    Itinerario a través de dez obras que amosan o desexo de cambio e experimentación da arte galega ao longo do século XX, desde o desexo de fusionar tradición e vangarda ata a eclosión plena a partir dos anos 80.

  • Castelao, un artista e personaxe clave na historia de Galicia

    Itinerario temático que afonda no estilo e pensamento do debuxante, pintor, escritor e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura principal na historia e na arte galega do século XX e na do propio Museo.

  • Artistas con M de Muller

    Ignoradas ou esquecidas, nove das nosas creadoras atopan o lugar que endexamais se lles debeu negar a través deste percorrido escrito con “M de Muller”.

  • Tempos de angustia, terror e exilio

    A arte en tempos de guerra é o fío condutor deste itinerario temático no que, a través da obra de catro artistas galegos e de oito obras seleccionadas, se mostra a dura represión que viviu Galicia durante a Guerra Civil.